Pestanas principais

As mulleres de Ames enchen a praza do Concello con motivo da folga feminista do 8M

Venres, 08 de marzo de 2019

[08-03-2019] Esta mañá, ás 12.00 horas, realizouse unha manifestación diante da Casa do Concello con motivo da folga feminista do 8M. Moitas veciñas e veciños, traballadoras/es do Concello, membros dos grupos políticos con representación na Corporación municipal e integrantes da Plataforma Feminista Galega de Ames, participaron en dita concentración enchendo a praza do Concello. Ao finalizar a manifestación, as participantes que quixeron, desprazáronse ata o Pazo da Peregrina, para ultimar os ensaios dos cantos e a coreografía que se desenvolverá na concentración da tarde, que sairá da Praza 8 de marzo de Santiago de Compostela.


A veciñanza amesá volveu a encher, por segundo ano consecutivo, a praza do Concello, situada en Bertamiráns, con motivo da folga feminista do Día Internacional da Muller. A concentración foi convocada pola Plataforma Feminista Galega e contou co apoio do Concello de Ames. As integrantes de dita Plataforma realizaron, dende as 11.00 horas, un paseo por Bertamiráns no que chamaron ao resto de veciñas e veciños a que participasen na concentración que tivo lugar ás 12.00h na praza do Concello.

Durante a manifestación, as integrantes da Plataforma Feminista Galega deron lectura a un manifesto e realizaron unha coreografía. En dita concentración participaron moitas veciñas e veciños, persoal do Concello e membros dos grupos políticos con representación na Corporación municipal.

Ao finalizar a manifestación, as participantes que así quixeron, foron ata o Pazo da Peregrina, para ultimar os ensaios dos cantos e a coreografía que se desenvolverá na concentración da tarde, que sairá da praza 8 de marzo, de Santiago de Compostela. Ás 14.30 asistiron a un xantar elaborado e servido polos profesores e os alumnos de 2º de Bacharelato do IES de Bertamiráns, tralo que un profesor voluntario impartiu unha sesión de ioga.

Dende o Concello convócase a todas as amesás a que participen nos actos organizados ao abeiro desta celebración, que colguen os mandís e se unan aos actos destinados a reclamar que a igualdade entre homes e mulleres en todos os aspectos sociais se converta nun feito.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O feminismo de Ames concéntrase diante da Casa do Concello"