[23-07-2011] 40 rapaces e rapazas amienses de entre 12 e 16 anos viaxan hoxe rumbo a Cantabria para participar no campamento da localidade de Cabárcenos. Arredor das 09.00 da mañá, os rapaces partiron a esta actividade que organiza o Concello e que ten por obxectivo conseguir establecer un contacto estreito entre os mozos e o deporte a través da natureza. María González, concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, foi a encargada de despedir a estes nenos que con ilusión e coas maletas cargadas de enerxía se dirixen a este campamento coa finalidade de gozar das actividades organizadas polo albergue.
Nesta primeira xornada, os rapaces e rapazas non terán tempo para descansar. Durante o camiño cara Cantabria, coñecerán os lugares emblemáticos da Mariña lucense e de Xixón. Ben entrada a tarde os mozos chegarán ao albergue onde realizarán a primeira toma de contacto cos membros do campamento cunha velada nocturna onde gozarán de diversos xogos.
A situación privilexiada do campamento, nos lindes do Parque Natural de Cabárcenos, e a súa amplia traxectoria garanten a diversión, a seguridade e o entretemento para os rapaces. Con múltiples actividades durante os dez días de estadía, os mozos vivirán unha aventura onde o deporte e a natureza serán os maiores expoñentes.
Os nenos do campamento Os Biocos volven o sábado
Os cativos de 6º de Primaria que participaron no campamento Os Biocos regresan mañá, sábado, o Concello de Ames. Tras 5 días de diversión espacial, os nenos regresarán ao municipio arredor das 19.00 horas. Cinco días de auténtico entretemento e aprendizaxe onde os rapaces aprenderon entre outras cousas, a ler o espazo e a construír reloxos de area.
Por outra banda, a rapazada amiense de quinto curso participará dende o próximo martes no campamento dos Biocos. Está previsto que saian da Praza do Concello ás 09.30 h da mañá rumbo á Serra de Trives.




