[01-05-2018] O espazo natural de Razo-Baldaio, no concello de Carballo, foi o lugar escollido para a realización da actividade “Vente de finde”, a través da cal un grupo de rapazas e rapaces de Ames de entre 13 e 18 anos puideron achegarse á práctica do surf e ao coñecemento dunha das paraxes naturais con máis sona da xeografía galega. A actividade, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) en colaboración coa Aula da Natureza, desenvolveuse na praia de Razo, con actividades de surf e unha camiñada polos seus cantís e polo areal de Baldaio, cunha visita guiada á súa lagoa.
A praia de Razo é un dos mellores espazos que podemos atopar en Galicia para a práctica do surf, con moitos picos ao longo dos seus máis de 5 quilómetros de extensión. Esta circunstancia permite xa non só familiarizarse con esta práctica deportiva, senón amosar a destreza sobre a táboa en niveis medio e avanzado. Os mozos e mozas amesáns que participaron deste “Vente de Finde” tiveron ocasión, na mañá do sábado, de asistir a unha aula de surf e prácticas de actividades de skate para mellorar o equilibrio. Pola tarde, outras dúas horas de surf antes de realizar unha andaina ata a lagoa de Baldaio, un dos máis valiosos espazos naturais da nosa comunidade. Alí, os rapaces e rapazas puideron comprobar a riqueza da fauna e flora que propicia o seu particular ecosistema, nunha paraxe na que se mestura mar aberto, lagoa e marisma. Xa pola noite, tras a cea, os e as participantes da actividade aproveitaron para ver contidos audiovisuais ligados ao mundo do surf.
O domingo pola mañá tivo lugar a última das aulas de surf da fin de semana. Unha vez finalizada, levouse a cabo unha camiñada ata os cantís de Razo. A súa característica principal reside en que non son de rocha dura, senón de cantos e area, e neles pódense observar distintos estratos que son testemuño da evolución da praia ao longo de milleiros de anos. Logo da comida do domingo, os mozos e mozas realizaron diferentes actividade de skate para, sobre as 19:00 horas, chegar a Ames.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Os mozos amienses achegáronse ao surf no espazo natural de Razo-Baldaio"