Pestanas principais

A mostra “Persoas que teñen que deixar o seu fogar” do IES Plurilingüe de Ames permanecerá no Pazo da Peregrina até hoxe

Venres, 10 de xuño de 2016

[10-06-2016] A veciñanza amesá ten até hoxe ás 20:00 horas para visitar a exposición “Persoas que teñen que deixar o seu fogar” do IES Plurilingüe de Ames. Unha mostra de 24 carteis creados polo alumnado de 3º da ESO e de 14 curtametraxes, realizadas estas polo alumnado de 4º da ESO. A profesora de Plástica do centro, Renata Botero, traballou co alumnado ao longo do proceso creativo, que a ANPA do centro quixo levar ao Pazo da Peregrina para dalo a coñecer ao público xeral.


O xoves pola tarde, ás 17:00 horas, tivo lugar a inauguración desta exposición. Interviron ao comezo o alcalde de Ames, José Miñones, a directora do IES Plurilingüe de Ames, a profesora de Plástica, Renata Botero e o presidente da ANPA do centro. A continuación proxectáronse as 14 curtametraxes realizadas polo alumnado: “El Cambio”, “Doce, Motivos”, “Las apariencias engañan”, “Cicatrices”, “Kira”, “Andrea”, “Dos inocentes”, “Westerman, “Recuerdos”, “Un viaje a través de la mente”, “Vagalume”, “Punto y aparte” e “Ninguna tierra es la nuestra”, son os títulos dos traballos que visionou o público.

Tanto os carteis como as curtametraxes teñen a guerra, ás persoas desprazadas, a violencia, a discriminación e ás persoas refuxiadas como fondo das súas historias. Trátase dunha mostra que invita aos espectadores e espectadoras a reflexionar acerca destes temas.

O alumnado comezou a preparación das curtametraxes xa antes de Nadal “ademais da parte teórica comezamos a elaborar os guións, os storyboards...”, explica a mestra de Plástica en referencia ao traballo co alumnado de 4º da ESO. “Aproveitando unhas vacacións comezaron a gravar e montar, eu axudeilles a analizalos e retocalos nas aulas”, puntualizou. Este venres pola mañá os seus alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de mostrar as súas obras aos demais compañeiros do seu curso. Varios grupos de 4º da ESO visitaron o Pazo da Peregrina para ver as curtametraxes.

Ademais dunha exposición “Persoas que teñen que deixar o seu fogar” é un concurso. Público e alumnado teñen até hoxe para votar indicando cales lles parecen as tres mellores curtametraxes e os tres mellores carteis. Ademais engadíronse as categorías de “Mellor actriz” e “Mellor actor”. As papeletas cos votos están situadas na primeira planta, onde se localiza a exposición, xunto a unha urna.