[11-10-2012] A Mostra de Teatro Afeccionado organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Ames continúa esta fin de semana, tras o éxito colleitado o pasado venres en Bertamiráns polo Grupo Municipal de Teatro de Ames, que interpretou a comedia O Médico a Paus, de Molière. Este venres, 12 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira, que actuará no Milladoiro ás 20:00 horas.
Durante todo o mes de outubro, os veciños e veciñas amienses poderán gozar do traballo de catro grupos de teatro de Ames, Negreira, Muros e Narón. As representacións, con entrada de balde, serán os venres nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este festival xa se está convertendo nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e, pouco a pouco, vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos.
Os membros da Escola Municipal de Teatro de Negreira subirán ao escenario da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas para interpretar a obra 'Vaia función', recomendada para persoas a partir dos 12 anos e cunha duración de 75 minutos. Baseada no texto 'Noises off' de Michael Fryan, a obra é un exercicio de metateatro, xa que conta as vicisitudes dunha compañía teatral que está a piques de estrear unha obra, amósanos como as complicacións que se lle van presentando ó grupo detrás das bambalinas pasan a afectar ao desenvolvemento da obra.
A mostra de teatro afeccionado organizado polo Concello de Ames continuará o venres 19 de outubro en Bertamiráns. O grupo Aquelando Teatro de Muros amosará ao público amiense a súa obra 'Allan', recomendada para persoas a partir dos 12 anos. A función terá lugar ás 21:00 horas. Esta comedia, que ten unha duración de 90 minutos, trata sobre a vida de Allan, un home que cando se separa descobre que non todo son vantaxes, porque tamén hai que soportar aos veciños, á familia, etc.
Por último, o venres 26 de outubro chegará á Casa da Cultura do Milladoiro o grupo 'O aturuxo de Melpómene', de Narón. Nesta ocasión, os veciños e veciñas de Ames poderán gozar da obra 'Café', destinada a persoas maiores de 12 anos e cunha duración de 80 minutos. Esta comedia transcorre nun espazo temporal no que o café se considera unha droga perigosa. Esta substancia ben podería substituírse por calquera outra que resulte aditiva, xa que do que se trata, en definitiva, é o de mostrar o lado escuro das adiccións. A representación é unha metáfora en si mesma sobre os efectos das drogas nas persoas e o difícil que resulta saír dese universo paralelo no que se somerxen os individuos cando dependen delas.
A través deste festival, a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégalles aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese.