[01-08-2012] A praia fluvial de Tapia acolleu onte as actividades de deporte de aventura programadas no marco da Semana da Xuventude, organizada polo Concello de Ames. Moitos mozos e mozas amienses achegáronse ata Tapia para gozar de actividades como o paintball ou o descenso en canoa desde Portomouro. Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude instalou unha carpa na praia fluvial, onde os asistentes puideron obter información sobre os programas que están dirixidos á mocidade galega. Durante a tarde, a concelleira de Xuventude, María González, estivo na praia fluvial para acompañar á mocidade nesta xornada festiva.
Charla e obradoiro de cultura urbana
Ademais, para o venres, 3 de agosto, está prevista unha charla informativa sobre a axuda de 200 euros que proporciona a Xunta de Galicia para obter o carné de conducir. Esta charla, que está dirixida á mocidade de entre 18 e 30 anos, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro de 11:00 h a 12:00 horas.
Xa pola tarde, haberá un obradoiro de Cultura urbana, que conta con exhibicións e obradoiros de graffite e de breakdance. Esta actividade desenvolverase entre as 17:00 h e as 20:00 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.
A Concellaría de Xuventude organizou diversas actividades de deporte de aventura coma o paintball ou o descenso en canoa, que se desenvolveron na praia fluvial en horario de tarde, entre as 16:00 h e as 20:00 horas. Unha vintena de mozos e mozas participaron no descenso en canoa, nun percorrido que saíu de Portomouro e chegou ata Tapia. Mentres, outros rapaces e rapazas optaron por desfrutar da actividade de paintball.
Durante a tarde, decenas de persoas achegáronse á carpa informativa instalada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia en Tapia. Alí, puideron obter información sobre os programas que están dirixidos á mocidade galega, así como realizar o seu carné xove.
A Semana da Xuventude continúa con máis actividades. Mañá, xoves 2 de agosto, celebrarase a segunda parte do obradoiro de Busca de emprego na rede, que se realiza en colaboración coa Aula CeMIT e que comezou xa o martes.




