Pestanas principais

Mofa e Befa aterran en Bertamiráns coa comedia Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira

Martes, 16 de outubro de 2018

[16-10-2018] O dúo cómico Mofa e Befa, interpretado por Josito Porto e Víctor Mosqueira, chega o 19 de outubro á Casa da Cultura de Bertamiráns coa peza Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira. Ao longo da función, na que o público desempeñará un importante papel, ironizarase sobre a filosofía ao tempo que se buscará aclarar de que vai iso de pensar. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros en tarifa xeral, e 2,5 euros na reducida.

Os coñecidos actores Josito Porto e Víctor Mosqueira fan unha parada en Ames coas súas personaxes Mofa e Befa o próximo venres, 19 de outubro, ás 21.00h, para presentarnos a comedia Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira. Ao longo de noventa minutos, ambas personaxes veranse obrigadas a plantexarse a filosofía escénica que levan practicando dende o seu inicio: o “perralleirismo”, baseado no principio de que todo problema ten solución e, en caso de non tela, invéntase.

A peza, que parte dunha merenda coa que Mofa e Befa esperan superar as súas dúbidas existenciais, converterase nunha tentativa desesperada por esclarecer en que consiste iso de pensar. Ao longo desta espiral de dúbidas, a parella cómica sufrirá unha serie de alucinacións e visitas de filósofos, seres mitolóxicos, antigas personaxes do propio repertorio e outras presencias enigmáticas que tentarán axudalos a aprender a pensar.

Así, esta obra na que se ironiza sobre a filosofía e que outorga un peso importante ao papel do público na función, tratará de responder á pregunta: ¿de que vai iso de pensar?

As entradas para asistir a esta representación xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, e teñen un custo de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

Contido relacionado


Lindeiros: "Mofa e Befa aterran en Ames con Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira"
Compostela 24 horas: "Mofa e Befa chegan hoxe a Bertamiráns cunha función cómica"