[12-03-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, ás 21:00 horas, a representación de Bobas & Galegas, un espectáculo de Mofa e Befa dirixido por Quico Cadaval. As entradas teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.
Bobas & Galegas é unha comedia para adultos protagonizada por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Os dous son comediantes de investigación que xa levantaron escandalosos casos de corrupción política, marxinación social, trauma infantil, crise económica, actividades mafiosas e mesmo tratan as infidelidades ou asuntos como a dieta equilibrada. Pero agora a súa vítima é o inocente teatro clásico español. As comedias da honra e o amor, os dramas relixiosos ou o luxo festivo das antigas compañías teatrais de farsantes pasará polas mans deste par de personaxes.
Así son Mofa e Befa no Século de Ouro que, aproveitando o seu acento, fanse pasar por criados galegos para gañar a simpatía do público. Foron detidos e durante a súa estancia no cárcere adquiriron unha enfermidade de transmisión textual que lles obriga a falar en verso. E ¿cales son as súas armas? Dous fouces de segador que cortan por igual os trigos e os tópicos. Poden transformarse en anxos ou demos, en cabaleiros ou bufóns, en bobas ou galegas… todo con tal de acadar os seus fins.




