[14-06-2016] Esta mañá, ás 12:00 horas, gardouse un minuto de silencio diante da Casa do Concello e diante das Oficinas Xerais do Milladoiro como mostra de solidariedade cos feitos acaecidos o pasado domingo, 12 de xuño, na cidade de Orlando, nos Estados Unidos. O Concello de Ames súmase con este acto á convocatoria feita pola FEMP aos concellos, demostrando o apoio ao colectivo LGTBI e denunciando todo acto de violencia. Ademais, no balcón duns dos laterais da Casa do Concello ondea unha bandeira do arco iris, cores símbolo da diversidade e do orgullo LGTBI.
A Federación Española de Municipios e Provincias manifestou a súa consternación polos graves e lutuosos feitos ocorridos na cidade de Orlando e, como mostra de apoio ás vítimas, ás súas familias, convidou a todas as Corporacións Locais españolas a convocar aos seus veciños este martes, 14 de xuño, a un minuto de silencio, ás 12:00 horas, ás portas das Casas Consistoriais. A FEMP quere ademais manifestar a seu máis profundo rexeitamento ante actos como este que non fan senón demostrar os riscos que a intolerancia carrexa para a convivencia en paz das persoas.




