[15-07-2016] O Concello de Ames adehiuse á convocatoria feita pola FEMP para que os concellos gardaran un minuto de silencio este venres, 15 de xullo, ante a magnitude dos feitos ocorridos a pasada noite en Niza, Francia. Dende a concellaría de Servizos Sociais e Igualdade indican que hoxe, ás 12:00 horas, se gardou un minuto de silencio diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e das Oficinas xerais do Milladoiro.
A FEMP manifestou ademais a súa consternación ante os graves e lutuosos feitos que tiveron lugar na cidade de Niza. O minuto de silencio quere ser un símbolo de apoio ás familias das persoas que faleceron e daquelas que se atopan aínda convalecentes tralo tráxico suceso.
O Concello de Ames e a FEMP únense ao sentimento dos afectados, das súas familias e de todo o pobo francés agredido no día no que celebraba a súa festa nacional, unha conmemoración universal que fai á liberdade e aos dereitos, e manifestan o seu rexeitamento ante unha nova manifestación de barbarie sen sentido que volve golpear á cidadanía.




