Pestanas principais

Miñones reúnese co xefe do servizo de Infraestruturas da Coruña para abordar diferentes cuestións do Plan de seguridade dos centros educativos

Venres, 21 de agosto de 2015

[21-08-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, mantivo unha xuntanza na Casa do Concello co xefe do servizo de infraestruturas da Coruña, Felipe de la Vega, para abordar diferentes cuestións do Plan de seguridade dos centros educativos posto en marcha recentemente polo goberno municipal. De seguido, realizaron unha visita, acompañados do concelleiro de Obras Públicas, Blas García, á zona onde se retirou a estrutura da pasarela que está colocada na estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira. Tamén visitaron a zona de entrada do CEIP da Maía e do IES de Bertamiráns, así como a entrada do CEIP de Barouta. O obxectivo destas visitas foi ver in situ as posibilidades de mellorar a seguridade viaria en todas estas zonas.

Seguridade peonil no entorno dos centros educativos
O alcalde, José Miñones, o concelleiro de Obras Públicas, Blas García, e o xefe do servizo de infraestruturas da Coruña, Felipe de la Vega, visitaron a zona onde se retirou a estrutura da pasarela que está colocada na estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira. Neste lugar xa se pintou un paso de peóns, pero estiveron vendo o lugar máis axeitado para colocar os semáforos que permitan cruzar esta estrada con maior seguridade. Este é un lugar moi transitado xa que nesta zona atópase á área deportiva de Bertamiráns, que inclúe o pavillón polideportivo, a piscina descuberta e o campo de fútbol.

Os traballos comprometidos por parte da Xunta de Galicia eran a colocación de dous semáforos cun sistema de pulsación para o paso de peóns. Dende o Concello solicitóuselles a colocación de sinais verticais luminosas e alumeado do paso de peóns, para unha maior seguridade nos meses de inverno nos que tanto a primeira hora como pola tarde xa é de noite.

De seguido, achegáronse ata a entrada do CEIP da Maía e do IES de Bertamiráns. Alí plantexaron a posibilidade de colocar outros dous semáforos no paso de peóns que está en fronte ao CEIP da Maía co obxectivo de que os vehículos paren cando os viandantes crucen esta estrada e tal como foi solicitado dende as ANPAS dos centros. "Este é un lugar con moito tránsito de nenos/as e adultos, tanto na hora de entrada coma de saída do colexio, polo que é preciso que haxa a suficiente seguridade para poder cruzar con tranquilidade" afirma José Miñones.

A seguridade peonil no entorno dos centros educativos de Bertamiráns é unha demanda das ANPAS e na que o Goberno municipal está a traballar de cara ao vindeiro curso 2015-16. O xefe de servizo trasladou a dificultade que tiña a instalación de dous puntos de rede semafórica nun tramo tan curto de espazo e instou á colocación doutro tipo de sistema luminoso de sinalización do paso de peóns de inicio.

Outro dos centros de ensino visitados foi o CEIP de Barouta. No caso deste centro solicitóuselle ao xefe do servizo de infraestruturas da Coruña que coloquen unhas sinais luminosas de limitación de velocidade neste lugar para minorar a velocidade dos vehículos que pasan pola estrada AC-453. Tamén se pretende que haxa controis de velocidade na contorna deste colexio para minorar a velocidade dos vehículos que circulan por esta estrada. Por parte da Xunta estudarase a posibilidade de colocación dalgún sistema de redución de velocidade complementario ao de sinalización. Estas medidas enmárcanse dentro do Plan de seguridade dos centros educativos que puxo en marcha recentemente o goberno municipal a través da concellería que dirixe David Santomil.

Outras actuacións en materia de seguridade viaria
Por outra banda, o goberno municipal preguntoulle ao xefe do servizo de infraestruturas da Coruña por un suposto compromiso adquirido co anterior goberno municipal para dotar de máis puntos de luz á rotonda na que conflúen a estrada AC-544 e a autovía AG-56. Trala visita, acordouse solicitar por escrito unha actuación sobre este punto.

Asemade, propúxose unha alternativa para aliviar de tráfico a rotonda que está situada na Avenida da Maía (estrada AC-543), xusto en pleno centro de Bertamiráns. Esta alternativa consistiría en permitirlle aos condutores que poidan xirar cara a rúa das Pesqueiras sen ter que ir facer un cambio de sentido da circulación na devandita rotonda. Esta medida permitiría eliminar a saturación de vehículos que ten esta rotonda, e que dá acceso a estrada AC-544 dirección avenida da Peregrina e Negreira. Felipe de la Vega dixo que se vai estudar a viabilidade de colocar un carril central de desvío dependendo do ancho da estrada.

O rexedor municipal agradeceu a boa disposición mostrada por Felipe de la Vega. Ademais, engadiu “agardamos poder contar con estas melloras en materia de seguridade viaria o antes posible, xa que o 10 de setembro dá inicio o curso escolar 2015-2016. Esta visita enmárcase dentro das relacións e conversas de traballo que está mantendo o Concello de Ames coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas”.

Esta visita enmárcase dentro das conversas que leva mantendo nas últimas semanas o goberno municipal coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para mellorar a seguridade viaria en varios puntos de entrada e saída de colexios e en diferentes puntos da rede de estradas que discorren polo termo municipal. Deste xeito, o encontro desta mañá foi froito dunha invitación feita polo goberno municipal para que o xefe do servizo de infraestruturas da Coruña, Felipe de la Vega, se achegase ata Ames e despois das conversas mantidas na reunión coa consellería de Educación por parte do alcalde e do concelleiro de Educación, David Santomil.

Arranxo AC-540 Ponte Maceira
Na reunión mantida na Casa do Concello, o alcalde de Ames, José Miñones e o xefe do servizo de Infraestructuras, Felipe de la Vega, falaron sobre a obra que se está a executar na estrada AC-540 ao seu paso pola Ponte Nova de Ponte Maceira. O acondicionamento desta estrada foi executado en base a un convenio do ano 2007, xa fai 8 anos, e cun orzamento de 700.000 euros. No 2010 foron finalizadas as obras pero presentando numerosos defectos que foron comunicados por parte do Concello en febreiro de 2011.

Trala reunión mantida acordouse finalizar coas obras necesarias de reparación e repintado da estrada que se levarán a cabo no mes de setembro. Tamén se lle pediu a colocación das luces LED da Ponte Nova, tal e como foi executado no seu día e que foran roubadas ás poucas semanas da súa colocación. "Para o Concello de Ames é moi importante o acondicionamento desta zona cun alto valor turístico e patrimonial, e esperamos que o esforzo económico que supón esta dotación poida ser disfrutado polos veciños e mesmo polos peregrinos que se queiran achegar", afirma o alcalde.


Contido relacionado


"Miñones analiza con la Xunta la seguridad vial en los accesos a los colegios"