Pestanas principais

Miñones reúnese co grupo TRAGSA para estudar unha encomenda de xestión do ciclo integral da auga

Sábado, 08 de agosto de 2015

[08-08-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta semana unha xuntanza co grupo TRAGSA, para estudar a posibilidade de que asuman unha encomenda de xestión do ciclo integral da auga durante un prazo de dous anos. Neste período o goberno municipal realizaría os estudos necesarios para comprobar se é posible municipalizar o devandito servizo. Na reunión estiveron presentes os técnicos municipais de cara a estudar con detalle a viabilidade da encomenda.

Seguindo a liña de traballo iniciada o pasado martes, 4 de agosto, na primeira xuntanza da nova comisión do ciclo integral da auga, o goberno municipal mantivo unha reunión co xefe territorial de Galicia, Asturias e Cantabria do grupo TRAGSA, Manuel Villaroel, e coa xerente da zona da Coruña, Elena Iglesias, para estudar a viabilidade de que esta empresa se encargue de xestionar o ciclo integral da auga durante o prazo de dous anos. Neste período o goberno municipal realizaría os estudos necesarios para comprobar se é posible municipalizar o devandito servizo.

Segundo explica o alcalde de Ames, José Miñones, deste xeito “cumpriríase a idea que ten o goberno municipal de que sexa unha empresa pública a que asuma este servizo, mentres se ve a posibilidade de municipalizar o ciclo integral da auga. Ademais, esta contratación faríase a través dunha encomenda de xestión e co menor custo posible para as arcas do Concello”.

Neste encontro o grupo TRAGSA achegou diferente documentación sobre outros servizos similares, que está prestando noutros concellos de Galicia, e incluso para o Principado de Asturias. Agora, esta documentación está sendo analizada polos departamentos municipais de Secretaría e Intervención, para comprobar se a contratación deste servizo ao grupo TRASGSA se podería facer a través dunha encomenda de xestión. Ademais, dende o Concello váiselle enviar a esta empresa os pregos do proceso de licitación que se sacou deste servizo por 9 meses e o estudo económico – financeiro que se elaborou.

Análise da viabilidade desta fórmula de xestión
Unha vez analizada a documentación proporcionada por TRAGSA, a vindeira semana na mesa de coordinación, que mantén o goberno municipal todos as semanas cos técnicos municipais de Secretaría, Tesourería, Intervención, Urbanismo e Asesoría Xurídica, vaise analizar a viabilidade desta fórmula para que o grupo TRAGSA poida xestionar o ciclo integral da auga mediante unha encomenda de xestión e de forma temporal. Para o goberno municipal, de ser viable esta fórmula, suporía unha redución de custes e solventaría a problemática da prestación do servizo mentres se fai o estudio detallado da municipalización.

Dende o grupo TRAGSA manifestáronlle ao goberno municipal que están capacitados para asumir a xestión deste servizo, xa que contan con medios propios para facelo. Ademais, segundo indican dende esta empresa, Ames pasaría a ser o primeiro Concello que opta por está fórmula de xestión integral do ciclo da auga, sendo pioneiros neste proceder.

O Goberno quere explotar todas as alternativas viables e o seu alcalde, José Miñones sentenza que "é unha mágoa que o goberno anterior non comezara todo este traballo con tempo suficiente, tal e como se lle solicitou dende a oposición. Agora atopámonos cunha clara limitación de tempo, que afoga a opción de levar a cabo moitas das posibilidades existentes, antes da finalización do contrato coa vixente empresa, que remata no vindeiro mes de outubro. Aínda así imos a facer todos os esforzos posibles para acadar entre todos unha solución inmediata".

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames plantea a Tragsa si puede asumir el servicio del agua durante dos años"
El Correo Gallego: "Técnicos amienses estudian la gestión del agua por Tragsa"