Pestanas principais

A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, participou no Milladoiro nun encontro co tecido empresarial amesán

Venres, 26 de maio de 2023

A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, foi recibida polo alcalde, pola concelleira de Promoción Económica e unha ampla representación dos concelleiros e concelleiras que forman parte da Corporación municipal, na visita que fixo este xoves, 25 de maio, ao centro coworking Espazo A Proa, no Milladoiro. A ministra, que estivo acompañada da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participou nun encontro coas empresas amesás do sector da comunicación, innovación, tecnolóxico e audiovisual. Tamén conversou co alumnado e profesorado dos colexios que gañaron o concurso de Innovames 2022 para proxectos educativos innovadores (CEIP Barouta, CEIP Agro do Muíño e IES do Milladoiro).

A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, participou este xoves, 25 de maio, nun acto institucional organizado polo Concello de Ames e mailo Ministerio no centro coworking Espazo A Proa, no Milladoiro. As instalacións de “A Proa” están especialmente pensadas e orientadas cara ás novas apostas de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía, reservando os seus postos a dous tipos de proxectos. Por unha banda, as usuarias e usuarios en fase de preincubación, é dicir, con iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento, e por outra, as empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade.

Esta visita a Ames tamén estivo motivada en que o municipio amesán forma parte dende 2019 da Red Innpulso. Deste xeito, Ames é un 90 concellos de todo o Estado que forma parte de dita rede, que ten entre os seus obxectivos servir de posta en común de iniciativas conxuntas municipais. Cómpre lembrar que en abril de 2019 o Concello e Ames recibiu comunicación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades sobre a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”, na convocatoria correspondente ao ano 2018. En Galicia tan só hai 5 concellos con dita distinción: Ames, A Coruña, Santiago, Vigo e Ribeira.

A ministra asinou no libro de honra do Concello de Ames e o alcalde entregoulle uns detalles pola súa visita o municipio amesán. De seguido, comezou un encontro sobre ciencia e tecnoloxía coas empresas amesás e especialmente con aquelas pertencentes ao sector da comunicación, innovación, tecnolóxico e audiovisual. En dito encontro tamén participaron representantes do tecido asociativo do concello e persoas que están emprendendo o seu proxecto no coworking A Proa. Ao final do encontro os asistentes puideron conversar e realizarlle diferentes preguntas á ministra.    

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que o encontro coa ministra de Ciencia e Innovación realizámolo no espazo colaborativo A Proa porque “é un centro referente que temos en Ames para proxectos de tecnoloxía e relacionados co audiovisual. Este centro conta con 36 postos de traballo, dos cales na actualidade están ocupados 23. Chegamos a ter 30 espazos ocupados. A través deste centro tratamos de darlle un impulso aos emprendedores/as que precisan un espazo onde comezar a  emprender o seu proxecto”. Tamén dixo que Ames conta cun parque empresarial no Milladoiro cun polo tecnolóxico, de comunicación e audiovisual moi importante, con empresas que son punteiras a nivel mundial.

Axudas do CDTI Innovación
A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, destacou que Ames é un dos 90 municipios de toda España que forma parte da Red Innpulsa. Dos 8.131 municipios que existen en España tan só 90 teñen este recoñecemento, polo que lle deu as gracias ao alcalde amesán por apostar pola ciencia e a innovación porque xeran progreso. Ademais, explicou que o sector da ciencia e innovación está medrando e que na actualidade xa está xerando un de cada catro novos empregos que se crean en España. Un 25% dos novos empregos están relacionados coa ciencia e a innovación.

Tamén avanzou que estivo tratando co rexedor municipal a posibilidade de establecer un punto informativo no coworking A Proa sobre as axudas do CDTI, que é unha entidade pública empresarial, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, que promove a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas españolas. É a entidade que canaliza as solicitudes de axuda e apoio aos proxectos de I+D+i de empresas españolas nos ámbitos estatal e internacional.

Premios educativos InnovAmes
A dito encontro tamén acudiu o alumnado e profesorado dos colexios que gañaron o concurso de Innovames 2022 para proxectos educativos innovadores (CEIP Barouta, CEIP Agro do Muíño e IES do Milladoiro). Cómpre lembrar que o primeiro premio, valorado en 1.500 euros, foi para o CEIP de Barouta polo proxecto Rego automático. O segundo premio de 1.000 euros recaeu no proxecto Aprendemos a toponimia de Ames a través do teatro, do alumnado do CEIP Agro do Muíño. O terceiro e último premio de 500 euros foi para o proxecto A son da dobraxe do IES do Milladoiro.

Os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de conversar coa ministra e explicarlles os proxectos que realizaron ao longo do curso escolar e mailo proxecto que presentaron a feira InnovAmes 2022. O profesorado destes centros educativos tamén falaron dos proxectos científicos e tecnolóxicos que desenvolven nos seus centros escolares.

A ministra destacou que en España existe un sistema de ciencia público. Puxo en valor as profesións relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía porque son as que permiten avanzar como pais e como sociedade. Tamén animou a todas as nenas a dedicarse a profesións relacionas co eido científico, porque non hai profesións de homes e mulleres, senón que cada neno ou nena ten que ser libre para adicarse ao que lle gusta.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "La ministra Diana Morant aplaudió la apuesta por la ciencia e innovación desde el coworking A Proa de Ames"

Enfoques: "La ministra de Ciencia se reúne con el tejido empresarial de Ames"

AMS GO!: "A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, participou no Milladoiro nun encontro co tecido empresarial e co alumnado de tres centros educativos"

Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación

Multimedia

  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación
  • Imaxe da visita da ministra de Ciencia e Innovación