Pestanas principais

Milladoiro mira hoxe ás estrelas

Xoves, 03 de setembro de 2015

[03-09-2015] As predicións apuntan a que a medida que avance a tarde as nubes irán desaparecendo e o ceo se irá despexando polo que esta pode ser a noite definitiva na que se leve a cabo o Obradoiro de Iniciación Astronómica do Milladoiro, posposto en dúas ocasións por inclemencias metereolóxicas. A Travesía do Porto, no Polígono Novo Milladoiro, á altura das canchas deportivas que están ao carón da Casa da Cultura, será o lugar que acolla a actividade, cuxa hora de comezo esta prevista para as 10:30 da noite. A actividade, organizada pola Concellaría de Medio Ambiente en colaboración co Observatorio Astrónómico Ramón María Aller, encádrase dentro do programa “Todo Cosmos”, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. A actividade é gratuíta e non é necesario inscribirse. Calquera persoa que desexe máis información sobre este tema pode obtela chamando ao tlf 660 004 665.

Un obradoiro semellante ao que está previsto realizar hoxe levouse a cabo o pasado 20 de agosto no Paseo Fluvial de Bertamiráns, con gran éxito de público. Preto de cen persoas tiveron entón a oportunidade de poñerlle imaxe e nome concreto aos corpos celestes que orbitan no noso ceo. Foron contemplados nesa ocasión os cráteres da lúa, os aneis de Saturno e os satélites que circundan ese planeta xigante, ademais de diversas estrelas, nebulosas, constelacións e a estación espacial que viaxa con cinco tripulantes a 28.000 quilómetros por hora. Ademais os asistentes tiveron a oportunidade de contemplar os astros celestes a través de grandes telescopios e de facer cantas preguntas desexaron aos técnicos responsables da actividade.

Se por fin o tempo o permite, hoxe desenvolverase no Milladoiro o Obradoiro de iniciación á Observación Astronómica. Será na rúa do Porto, no Polígono Novo Milladoiro, á altura das canchas deportivas que están ao carón da Casa da Cultura, onde a partir a partir das 22:30 os asistentes/as terán a oportunidade de mirar por grandes telescopios e preguntar aos técnicos canta cousa sobre o ceo se lles ocorra. Ademais, coa finalidade de minimizar no posible a contaminación lumínica e de que a visión sexa ao máis nítida posible, está previsto, do mesmo xeito que se fixo en Bertamiráns, apagar as luces da contorna.

A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, aínda non as ten todas consigo e mira continuamente as páxinas nas que se fala do tempo “parece ser que imos poder ver o ceo esta noite; agardemos que acerten as predicións e que esta sexa unha noite tan bonita e tan especial como a que vivimos en agosto en Bertamiráns”, comenta Catuxa García ao tempo que anima a todos os veciños e veciñas a que se acheguen ao Milladoiro “Pode ser un xeito extraordinario de despedir o verán: mirando estrelas e coñecendo mellor o noso ceo” .

Programa Todocosmos
O Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. Este programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a ciencia astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental do programa constitúeo o proxecto "A Astronomía ao alcance de todos: colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2015, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, así como a empresa Óptica Val.