Pestanas principais

Mesas redondas, charlas, gastronomía e artesanía na I Feira de desenvolvemento local que terá lugar os días 27 e 28 de novembro en Ames

Xoves, 26 de novembro de 2015

[26-11-2015] A I Feira de desenvolvemento local, promovida pola Asociación Galega de Profesionais do Ámbito Local (Afiprodel), busca poñer en conxunto distintas experiencias de empresas e iniciativas de ámbito local. O evento, cuxas xornadas técnicas están pensadas por e para empresarios, expertos e responsables políticos, ofrecerá de forma paralela unha exposición e unha feira para o público xeral. Todas as actividades terán lugar no edificio e inmediacións do Pazo da Peregrina en Bertamiráns, o venres 27 e o sábado 28 de novembro. O público xeral poderá asistir a obradoiros, mostras ao vivo do traballo de diversos artesáns e degustacións de produtos locais.

O concello de Ames foi o escollido para albergar esta feira, pioneira neste campo, que busca promocionar o desenvolvemento do local a través de iniciativas privadas e co apoio institucional. Afiprodel, a organizadora, incide en que o ámbito local é o máis próximo á cidadanía e, citando a Borja e Castells, incide en que ''é o máis preparado para afrontar os desafíos que lle impón a globalización''. Por este motivo a asociación decidiu convocar nun mesmo espazo a membros da Administración (tanto a nivel local como autonómico) como aos responsables de distintas iniciativas e expertos no campo da economía local.

A Feira dividirase en tres bloques diferenciados de actividades. O primeiro, as Xornadas técnicas A Forza do Local, é o dirixido ao ámbito profesional. As Xornadas comezarán o venres, coa recepción de tres membros dos principais sindicatos estatais: CCOO, UXT e CIG, nun encontro que terá lugar no Hotel Balneario Compostela en Ames. O sábado, a partir das 9:45, na Sala de Conferencias do Pazo da Peregrina de Bertamiráns os participantes das Xornadas serán recibidos polo alcalde de Ames, José Miñones, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta en Galicia de Afiprodel, Mª Dolores Pena Pena.

Ao longo do día sucederanse charlas, ponenzas e mesas redondas e presentarase aos asistentes distintas iniciativas exitosas que se levan a cabo actualmente en diversos puntos da xeografía galega. A rede de restauradores pola conservación do mar Restauramar, o programa Activa Combarro: Horta e Mar ou a cooperativa de traballo asociado Medatlandica entre outros.

As xornadas técnicas rematarán ás 19:40 do sábado, coas intervencións de Mª Dolores Pena Pena, a concelleira de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica do Concello de Ames, Isabel González, e o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García García.

Os visitantes que acudan ao Pazo da Peregrina tamén poderán participar en distintas actividades que se levarán a cabo en dúas carpas instaladas ao carón do edificio. Degustación de produtos locais, obradoiros de gravado ou calceta sen agulla e demostracións de artesáns de Buño ou do Couto terán lugar en distintos horarios de tarde e mañá. As prazas dos obradoiros serán ocupadas segundo o orde de chegada dos interesados á carpa, sen ser necesaria a inscrición previa. Si que será necesaria para aqueles que queiran participar das xornadas técnicas do sábado 28, que terán que enviar a solicitude cuberta ao correo: afiprodel.org@googlemail.com


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Arranca hoxe o encontro de empresas e iniciativas locais en Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Técnicos de la zona participan en la Feira do Desenvolvemento Local de Ames"
El Correo Gallego: "El empresariado local muestra su potencial y experiencia en Ames"