Pestanas principais

A Mesa Xeral de Negociación aproba realizar unha modificación puntual na RPT para contratar un novo traballador/a social e ampliar a xornada dunha educadora familiar

Martes, 04 de abril de 2017

[04-04-2017] O goberno municipal reuniuse esta mañá cos representantes do persoal municipal do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal en Mesa Xeral de Negociación. Neste encontro deuse conta dos cadros de persoal do orzamento de 2017, que se someterá a aprobación en Pleno o vindeiro 18 de abril. Ademais, aprobouse unha modificación puntual da RPT para reforzar o departamento de Servizos Sociais coa contratación dun novo traballador/a social e co incremento da xornada dunha educadora familiar. Tamén se falou da situación na que se atopa a Escola de Música (EMMA) co obxectivo de regularizar o contrato dos traballadores/as para que, se é posible, pasen a forman parte do cadro de persoal municipal.

O primeiro acordo que se tomou foi a aprobación por unanimidade das actas das reunións mantidas o 1 de febreiro e mailo 7 de marzo. De seguido, deuse conta dos cadros de persoal que se recollen no orzamento de 2017. Ditos cadros de persoal responden á nova estrutura fixada na Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames, cuxa modificación foi aprobada definitivamente polo Pleno do Concello o pasado día 29 de decembro de 2016. Esta modificación da RPT supuxo unha alteración significativa na estrutura de postos de traballo do Concello co fin de adaptar a RPT á realidade do Concello, circunstancia que obrigou á revisión ou adecuación das adscricións preexistentes do persoal municipal á RPT, para que puidesen facerse efectivos os efectos prácticos e legais inherentes a dita modificación.

Os cadros de persoal divídense en cadro de persoal funcionario, cadro de persoal funcionario por programas, cadro de persoal laboral fixo e cadro de persoal laboral temporal. Cómpre destacar que a contía destinada ao capítulo de persoal ascende a 7.876.591,64 euros. Desta contía total, 166.549,34 euros vanse dedicar á recuperación do 50% paga extra do exercicio 2012 que está pendente de aboarlle ao persoal municipal e 60.000 euros son para o Fondo de Acción Social. Respecto ao orzamento aprobado no ano 2012 increméntase en 600.000 euros a partida dedicada ao capítulo de persoal.

Por outra banda, aprobouse unha modificación puntual da RPT para reforzar o departamento de Servizos Sociais coa contratación dun novo traballador/a social. A contratación do mencionado/a traballador/a social estará sufragada nun 80% a través do plan concertado da Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia. O 20% restante sería sufragado con fondos propios do Concello. Asemade, vaise a incrementar a xornada laboral, de parcial a completa, dunha educadora familiar que xa presta servizo na área de servizos sociais.

Por último, o goberno expúxolle aos representantes do persoal a situación da Escola Municipal de Música (EMMA). Explicaron que durante o pasado ano realizouse a regularización contractual do edificio no que están situadas as instalacións da EMMA. Ademais, estase traballando para incluír dito servizo no rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia. A terceira fase deste proceso afectaría aos traballadores/as que imparten as clases deste servizo cos cales xa se falou para intentar regularizar os seus contratos co obxectivo de que, se é posible, pasen a formar parte do cadro de persoal municipal. A idea do goberno municipal é intentar incluír estes postos na Relación de Postos de Traballo (RPT).

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames aproba unha modificación puntual da RPT para reforzar Servizos Sociais"
La Voz de Galicia: "El pleno debatirá el día 18 los presupuestos consensuados con AN"