[25-09-2018] A Mesa Xeral de Negociación aprobou a sétima modificación da Relación de Postos de Traballo, que ten por obxecto a incorporación á RPT da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) xunto cos postos correspondentes. Tamén se informou sobre a instrución interna de uso de sinatura. Asemade, celebrouse unha xuntanza da Comisión de seguimento da RPT na que se abordou a posible Oferta de Emprego Público (OEP) 2018 e a proposta de acordo regulador do plan de estabilización, así como o inicio das negociacións para a revisión dos postos de cada departamento, incluídos na RPT.
O goberno municipal e mailos representantes do persoal municipal, que son membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal, reuníronse en Mesa Xeral de Negociación. En dita xuntanza aprobouse por unanimidade a sétima modificación da Relación de Postos de Traballo, a través da cal se inclúe a Escola Municipal de Música dentro da RPT e se adscribe ao departamento de Cultura. Asemade, créanse 9 novos postos adscritos a dito servizo. Sete destes novos postos son creados debido aos recentes fallos xudiciais de cuxa execución se ten derivado o recoñecemento dos demandantes como persoal laboral indefinido (non fixo) do Concello.
Os postos que se adscriben á EMMA son os de profesor/a de frauta, saxofón, musica e movemento, percusión/batería, violín, linguaxe musical, guitarra, canto moderno e piano. Os dous primeiros crearanse a través dun proceso selectivo para a creación de dúas bolsas de traballo para a Escola Municipal de Música de Ames: unha de mestres/as de frauta e outra de mestres/as de saxofón, mentres os sete postos restantes cóbrense atendendo as sentenzas dos Xulgados do Social ao respecto das demandas presentadas por parte do persoal que prestou servizo na EMMA ata o final do curso 2016-2017. A través deste proceso regularízase a situación deste persoal que estaba contratado de xeito irregular.
Outro dos cambios recollidos na sétima modificación da RPT é o cambio de adscrición orgánica dun dos postos de auxiliar administrativo/a, actualmente integrado no servizo de Secretaría do departamento de Secretaría e Administración Xeral; que pasaría a adscribirse ao servizo de Contratación deste mesmo departamento para dar cobertura á entrada da nova Lei de Contratos e reforzar así dito departamento. A través de dita modificación reflíctese formalmente a realidade administrativa actual do Concello.
Instrución sobre o uso da sinatura electrónica
Por outra banda, na Mesa Xeral de Negociación deuse conta, por parte do goberno, da instrución sobre o uso da sinatura electrónica polos empregados públicos. Deste xeito, informouse de que nos últimos meses entregóuselle aos empregados públicos certificados electrónicos para todos aqueles/as traballadores/as que tramitan algún tipo de procedemento administrativo. Deste xeito, a Tarxeta de empregado público serve para a identificación do persoal nos procesos ou solicitudes internas, ademais de sistema de control de presenza que o Concello acaba de renovar. Asemade, aquel persoal que requira realizar algún tipo de procedemento administrativo electrónico, pode empregar dita tarxeta para a sinatura e certificación do documento.
Dende o goberno municipal, aténdose a Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, no seu artigo 43, establece que cada Administración Pública determinará os sistemas de sinatura electrónica que debe utilizar o seu persoal. Tendo en conta isto, informaron de que naqueles casos en que sexa necesario tramitar documentación municipal e o sistema de tarxetas de empregado non serva ou xere algún tipo de incompatibilidade, recorrerase aos certificados de software de persoa física para o acceso ás aplicacións, tanto internas como externas, nas que dispoñan dos correspondentes permisos e sempre dentro do seu posto de traballo.
Comisión de seguimento da RPT
Por outra banda, desde o goberno convocouse a unha nova xuntanza da Comisión se seguimento da RPT na que se abordaron dous puntos. Primeiro, o goberno municipal comunicoulle aos delegados do persoal a intención de aprobar unha Oferta de emprego público durante este ano 2018, ligada a un acordo regulador do plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, mediante o que se fixen e formalicen os criterios/compromisos xerais e básicos aplicables aos desenvolvemento deste procesos.
O goberno municipal organizará unhas xuntanzas co persoal esta mesma semana para explicarlles en que consiste dita Oferta de emprego público. Así, realizarase unha xuntanza co persoal o xoves, 27 de setembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, e outra, o venres, 28 de setembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Ambas reunións serán ás 14.00 horas.
Tamén, e tal como se comprometera desde o goberno, iniciáronse as negociacións da segunda fase da RPT, co obxectivo de revisar os postos e as necesidades de cada un dos departamentos municipais. O goberno presentou un organigrama municipal sobre o cal comezar a traballar e un calendario de xuntanzas mensuais desta Comisión para ir avanzando na revisión da RPT durante os vindeiros meses.
Desde o goberno municipal agárdase poder ir dando así os pasos necesarios en prol dunha estabilización necesaria no Concello, e que actualice as funcións que se veñen realizando, ao mesmo tempo que se aprobe un Plan de estabilización cun acordo regulador que contemple a creación dunha comisión de seguimento de dito proceso.
Contido relacionado
Lindeiros: "Os postos da Escola de Música de Ames integrarase na RPT"
Compostela 24 horas: "A Mesa Xeral de Negociación de Ames aproba a incorporación da EMMA na RTP"