Pestanas principais

A Mesa Xeral de Negociación aproba a modificación puntual da RPT para crear un posto de oficial de cemiterio

Venres, 22 de decembro de 2017

[22-12-2017] Esta semana o goberno municipal mantivo unha xuntanza cos representantes do persoal municipal que son membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal. A Mesa Xeral de Negociación aprobou por unanimidade a modificación puntual da RPT para crear a sección de cemiterio dentro da Brigada de obras e Servizos básicos, así como para dispor dun posto de oficial de cemiterio adscrito á mesma. Tamén se aprobou por unanimidade a creación dun posto de persoal de limpeza e vixía de instalacións deportivas dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestruturas do departamento de deportes. Para iso realízase unha modificación puntual da RPT derivada dunha sentenza xudicial con recoñecemento ao demandante da condición de persoal laboral indefinido.

Este pasado martes, 19 de decembro, o goberno municipal e mailos representantes do persoal municipal que son membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal, reuníronse en Mesa Xeral de Negociación. En dita xuntanza aprobáronse por unanimidade, seis dos sete puntos que recollía a orde do día, quedando tan só un encima da mesa para tratar nunha próxima reunión. En primeiro lugar aprobouse a acta da Mesa Xeral de Negociación celebrada o pasado 13 de setembro de 2017.

De seguido, aprobouse por unanimidade a alegación presentada por unha traballadora municipal á primeira modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames. O devandito regulamento afecta ás bolsas xa creadas ou de nova creación, de tal xeito que a mesma bolsa de traballo se desdobra en dúas, unha destinada á cobertura de vacantes ata a provisión definitiva e outra a coberturas temporais distintas á anterior. Na reclamación indícase que unha vacante pode xerarse por máis causas que unha xubilación, polo que se solicita que se amplíe a casuística. A modificación de dito regulamento terá que ser aprobada en Pleno.

Outro dos asuntos aprobados foi a primeira modificación do Regulamento do Fondo de Acción Social, que afecta a redacción do artigo 12 de dito regulamento. Deste xeito, previamente á tramitación de calquera outro tipo de subvención, resolveranse as correspondentes ás subvencións por fillos/as, cónxuxe ou calquera persoa a cargo do beneficiario con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou persoas en situación de dependencia e as axudas para tratamentos sanitarios non contemplados na sanidade pública, que terán a consideración de preferentes. En calquera caso, as contías destinadas a estes conceptos serán aboadas na súa integridade ata o límite do total asignado para o conxunto da acción social establecido para cada exercicio. Asemade, modifícase a distribución das porcentaxes no citado artigo 12 para axudas contempladas na sección terceira.

Modificación puntual da RPT
A Mesa Xeral de Negociación tamén aprobou por unanimidade a creación dun posto de persoal de limpeza e vixía de instalacións deportivas dentro do servizo de conserxería e mantemento de infraestruturas do departamento de deportes. Para iso realízase unha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) derivada dunha sentenza xudicial con recoñecemento ao demandante da condición de persoal laboral indefinido. Este posto quedará vacante, debido a incapacidade temporal que ten recoñecida o demandante, e cubrirase coa lista de agarda de conserxes que existe na actualidade. O demandante dispón dunha reserva do posto durante un período máximo de dous anos.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade a modificación puntual da RPT para crear a sección de cemiterio dentro da Brigada de obras e Servizos básicos, así como para dispor dun posto de oficial de cemiterio adscrito á mesma. Esta sección ocuparase da realización das actuacións propias da custodia e mantemento das infraestruturas do cemiterio municipal, así como das inhumacións/exhumacións e tarefas relacionadas, que deben ser asumidas por persoal municipal.

A recente apertura do cemiterio municipal fai necesario dispor dunha persoa que asuma as funcións de apertura desta instalación municipal, así como outras funcións propias do posto. Sobre este asunto os representantes do persoal municipal indicaron que as horas de descanso e vacacións da persoa que ocupe o posto de oficial de cemiterio, non pode cubrirse con persoal da brigada de obras porque as funcións non son as mesmas e o complemento específico tampouco coincide. O compromiso do goberno municipal é municipalizar este servizo, pero queda a espera do informe que emita a interventora municipal sobre a posibilidade da creación deste novo posto. Estas modificacións da RPT terán que ser aprobadas en Pleno.

Reforzo do departamento de Urbanismo
Dende o goberno municipal tamén se expuxo a necesidade de reforzar o departamento de Urbanismo coa creación de dous postos de arquitecto técnico. A principal razón que argumenta o goberno para iso é a necesidade de dispor de técnicos que se encarguen da redacción de proxectos, da dirección de obra e de elaborar a documentación de seguridade e saúde que é necesaria presentar en calquera obra municipal. Segundo manifestaron dende o goberno, o Concello de Ames fai un investimento anual en obras de 2 millóns de euros e os gastos de redacción de proxectos, dirección de obra e redacción de proxectos de seguridade e saúde, que na actualidade están externalizados, supoñen un gasto anual de 200.000 euros. A isto habería que sumarlle que nos tres próximo anos dedicaranse a investimentos 5 millóns de fondos europeos a través da Estratexia DUSI. Debido a iso indican que coa creación destes dous novos postos conseguiríase un importante aforro anual que sería como mínimo de 120.000 euros.

Dende a parte sindical indicouse que a creación destes dous novos postos debería ser analizada dentro da segunda fase da modificación da RPT e dende un punto de vista global para ver as necesidades de creación de postos que existen nos diferentes departamentos municipais. Finalmente, este punto quedou encima da mesa, á espera de que o departamento de Intervención emita o correspondente informe sobre este asunto. Por último, aprobáronse por unanimidade os horarios para o ano 2018 do servizo das bibliotecas municipais e abordouse o apartado de rogos e preguntas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames habilita unha praza de oficial para o novo cemiterio"
Lindeiros: "Ames modifica a RPT para crear un posto de oficial de cemiterio"