Pestanas principais

A Mesa Local de Comercio aproba a organización da sétima edición da feira de oportunidades Val da Maía

Martes, 05 de abril de 2011

[05-04-2011] O Pazo da Peregrina acolleu a primeira xuntanza da Mesa Local de Comercio. Nesta reunión estiveron representadas as asociacións de profesionais e comerciantes existentes no concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro e Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro), así como a Administración local e a Xunta de Galicia. Esta reunión serviu para constituír de xeito oficial a Mesa Local de Comercio de Ames, segundo determina a Lei de Comercio Interior de Galicia aprobada no pasado mes de decembro de 2010. Ademais aprobouse a organización da sétima edición da feira de oportunidades Val da Maía, que terá lugar os días 16 e 17 de abril. Tamén se aprobaron dúas proposta feitas polo propio Concello. A primeira para solicitarlle á Dirección Xeral de Comercio a correspondente autorización para organizar unha segunda feira de oportunidades en Ames e a segunda co fin de solicitar unha subvención que se enmarca no Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, para a potenciación do eixo comercial do Milladoiro coa adecuación do seu espazo urbano.

O pasado venres, día 4 de marzo, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, foi o encargado de constituír a Mesa Local de Comercio de Ames mediante decreto de alcaldía número 225/2011. Dende o goberno municipal considerase de interese para o Concello e máis concretamente para a dinamización da actividade minorista comercial, a constitución da Mesa Local de Comercio a que fai referencia a Lei de Comercio Interior de Galicia aprobada no pasado mes de decembro de 2010.

Trala aprobación do devandito decreto hoxe pola mañá tivo lugar a primeira xuntanza da Mesa Local de Comercio de Ames. Esta reunión serviu para constituír de forma oficial este órgano e para tratar diversos temas relacionados coa actividade das asociacións de profesionais e comerciantes existentes no concello. O Concello de Ames aproveitou esta xuntanza para facerlle dúas propostas ás asociacións de profesionais e comerciantes municipais.

A Lei 13/2010 de 17 de decembro do Comercio Interior regula no seu artigo 21 a Mesa Local de Comercio configurándoa como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes representativos do sector comercial.

O número 2 do artigo 21 regula a composición da Mesa Local de Comercio que debe estar integrada por unha persoa representante de cada unha das asociacións locais de persoas comerciantes e de persoas consumidoras existentes no respectivo municipio e igual número de representantes da Administración local, así como unha persoa representante da Administración autonómica, esta última con carácter voluntario.

Segundo o disposto na lei, na reunión estiveron representadas as asociacións de profesionais e comerciantes existentes no concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro e Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro), así como a Administración local e a Xunta de Galicia.

Deste xeito asistiron, Juan Carlos Zahera, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), Alex Righi, tesoureiro da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), e Salome Blanco, empregada da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro.

Por parte da Administración local asistiron o alcalde de Ames, Carlos Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, a concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, o concelleiro de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración, José Miñones, e o concelleiro de Infraestruturas, Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto. Tamén asistiu unha representante da Xunta de Galicia, María Esther Regueiro, e un representante da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López.

Feira de oportunidades Val da Maía

En primeiro lugar a Mesa Local de Comercio de Ames aprobou a organización da sétima edición da feira de oportunidades Val da Maía, que terá lugar os días 16 e 17 de abril. A celebración desta feira de oportunidades por sétimo ano fai que se consolide como un evento de referencia para Ames e toda a comarca compostelá. A feira de oportunidades é un lugar de encontro onde mercar e vender produtos rebaixados e un pequeno avance dos desta temporada.

Ademais o propio Concello realizoulle dúas propostas ás asociacións de profesionais e comerciantes. Unha delas é para enviarlle á Dirección Xeral de Comercio unha proposta co fin de que se poida organizar unha segunda feira de oportunidades durante este ano en Ames.

Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013

Por outra banda propúxoselle ás asociacións a aprobación da solicitude da subvención que se enmarca no Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, para a potenciación do eixo comercial do Milladoiro coa adecuación do seu espazo urbano. Este proxecto recolle a creación de novas bolsas de aparcamento para o núcleo urbano do Milladoiro.

O goberno municipal ten previsto crear un novo aparcamento ao aire libre con prazas de aparcamento gratuítas no contorno da rúa Agro do Medio. Este novo aparcadoiro disporá de 154 prazas. Catro destas prazas estarán destinadas ás persoas con mobilidade reducida. Este proxecto tamén contempla a dotación de novas luminarias para as rúas comerciais do Milladoiro. Este punto foi aprobado pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Mesa de Comercio amiense se estrena con la aprobación de la feria de oportunidades"
La Voz de Galicia: "La Mesa de Comercio amiense se estrena con la aprobación de la feria de oportunidades"
El Correo Gallego: "Los saldos llegan a Val da Maía el 16 y 17 de este mes"
El Correo Gallego: "Los saldos llegan a Val da Maía el 16 y 17 de este mes"