Pestanas principais

A mesa local de comercio aproba a celebración da I Mostra Milladoiro entre o 22 e o 24 de setembro

Luns, 10 de xullo de 2017

[10-07-2017] Un escaparate multisectorial. A I Mostra Milladoiro que se celebrará á volta do verán ten como obxectivo reunir aos sectores empresariais, comerciais e profesionais de Ames e a súa contorna, dalos a coñecer e poñelos en valor na bisbarra. Ocupará o espazo dispoñible entre o Pavillón Polideportivo, a Casa da Cultura e o aparcadoiro e tratará de potenciar a relación entre a veciñanza. Contará con actividades para os máis pequenos, eventos para os distintos sectores profesionais, mostras e exposicións, entre as que compre destacar “O Camiño portugués” que contará co apoio da Asociación do Camiño, o Albergue de Peregríns e a parroquia do Milladoiro. Ademais a mostra poñerá en valor o traballo dos profesionais do Milladoiro coa creación da 1ª Edición “Premios Empresarios Milladoiro”. A celebración da I Mostra Milladoiro foi aprobada pola Mesa Local de Comercio que se reuniu o pasado 7 de xullo no Salón de Plenos do Concello.

A Mesa Local de Comercio estaban convocados o Alcalde de Ames, a Concelleira de Promoción Económica, Isabel Gozález Cancela, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, a secretaria accidental do concello, a técnica de Turismo e o Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, ademais da representante da Admninistración Autonómica e representantes das Asociacións de Comerciantes de Bertamiráns, Asociacion de Pequenos Comerciantes Viorneira, AEMI e Asociación de Empresarios e Profesionais do Milladoiro. Esta última asociación non asistiu á Mesa, comunicando previamente a súa ausencia.

A solicitude de celebración da I Mostra Milladoiro era o primeiro e único punto da orde do día, agás o apartado de rogos e preguntas, da reunión da Mesa Local de Comercio. Na memoria do proxecto, presentada pola Asociación de empresarios, comerciantes e profesionais do Milladoiro, recóllese unha descrición pormenorizada do evento. Deste xeito podemos coñecer que os stand representativos do comercio amesán ocuparán 1000 no interior do Pavillón de deportes, a exposición das empresas do Concello baixo carpa e stands situaranse no aparcadoiro da Casa da Cultura e ocuparán 180 metros e que a exposición de negocios profesionais ocupará unha dimensión semellante no mesmo espazo. Ademais, tamén no aparcadoiro da Casa da Cultura, haberá catro áreas de exposición máis que se dedicarán a automóvil novo, automóvil usado, maquinaria e xardinería e flores.

No vestíbulo da Casa da Cultura montarase a exposición “O camiño portugués”. Está previsto tamén que se instalen inchables e atraccións para a rapazada, e un posto de polbo.

Presenza indirecta do sector hostaleiro

Cómpre salientar tamén que o sector hostaleiro terá unha importante presenza no evento, posto que se confeccionarán trípticos indicativos con mapa e localización onde figuren os establecementos. Estes trípticos entregaranse gratuitamente nos diferentes stands expositivos da Mostra. Ademais os tres días que dura a Mostra, venres 22, sábado 23 e domingo 24, realizaranse sorteos entre o público a través das rifas que se repartirán entre todos os expositores. Os premios serán entregados por diferentes persoeiros de recoñecemento no Milladoiro. Un concurso fotográfico de mascostas, a festa infantil “Volta ao cole” e radio en directo completan a programación prevista para a I Mostra Miladoiro.

Dende o Goberno de Ames veuse con bos ollos esta nova iniciativa e salientouse a colaboración do Concello tanto en equipamentos como infraestructuras.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Milladoiro celebrará en septiembre la multisectorial"