Pestanas principais

A Mesa de Contratación do Ciclo Integral da Auga propón que se adxudique o servizo á empresa Espina y Delfín SL

Luns, 21 de novembro de 2016

[21-11-2016] Este luns, 21 de novembro, reuniuse a Mesa de Contratación do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames para pechar o proceso de licitación deste importante servizo municipal. Trala xuntanza, e tal e como consta na acta de dita reunión, por unanimidade dos membros que integran dita Mesa acordouse propoñer a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso. Esta proposta terá que ser aprobada agora polo Pleno. No caso de aprobarse, esta compañía xestionará este servizo, como mínimo, durante dous anos.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “tal e como nos comprometemos dende o goberno municipal, sacamos adiante este proceso de licitación do Ciclo integral da auga o máis axiña posible. As ofertas técnicas, que presentaron as empresas participantes neste concurso, foron moi ben valoradas o que levará a que a empresa adxudicataria mellorará a calidade do servizo que se lle vén prestando á veciñanza amesá”.

A oferta presentada por Espina y Delfín SL recolle un prezo de 0,5580 por metro cúbico de auga facturada da ETAP; 0,5580 por metro cúbico facturado polo saneamento e depuración; 0,2628 por metro cúbico de auga na factura da ETAP a Brión, e non cobra custe algún polo metro cúbico de auga na circulación en alta a Teo. Ademais, aplicou unha baixa do 76% a diversos servizos ofrecidos aos usuarios/as e un 56% de baixa sobre os prezos descompostos. Por último, ofertou un importe de 300.000 euros para obras de reparación.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable do departamento municipal de Contratación, explica que “desde o equipo de goberno cremos que a boa valoración obtida polas ofertas presentadas debeuse en gran medida á elaboración duns pregos que propuxeron un cambio con novidades no modelo de xestión. Isto permite un maior control do servizo por parte do Concello, ademais de coñecer con detalle aspectos ata o de agora descoñecidos deste servizo, coma o estado da rede, os ingresos obtidos, etc, como paso intermedio para proceder á municipalización do servizo, que en definitiva é un dos nosos obxectivos finais”.

A Mesa de Contratación estivo composta polo alcalde, como presidente, e polos seguintes vogais: secretaria xeral da corporación, interventora municipal, o concelleiro delegado en materia de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, e maila arquitecta municipal. Por último, como secretario/a da mesa participou un funcionario municipal do departamento de Contratación. Tamén formaron parte da Mesa, con voz pero sen voto, unha/un representante de cada grupo da oposición designado previamente polos propios grupos.

Cómpre lembrar que foron cinco as empresas que presentaron as súas propostas neste proceso de licitación: FCC Aqualia, SA; Viaqua, gestión integral de augas de Galicia, SAU; Espina y Delfín, SL; Acciona agua servicios, SLU; e maila UTE constituída polas empresas Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, SA (FACSA) e Espina obras hidráulicas, SA.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Proponen para la gestión del agua a la empresa Espina y Delfín"