[25-11-2015] Catorce grupos de rapazas e rapaces presentáronse este ano á quinta edición do Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!, convocado polo Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación. Esta iniciativa pretende fomentar, dunha forma creativa e orixinal, o uso do galego entre a mocidade. Os premios entregaranse este venres, 27 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coincidindo coa última representación da X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames.
Este ano a obra ''Mente Vacía'' foi a que conseguiu conquistar ao público amesán polo que leva o premio do público. Os seus autores son os alumnos Elisabeth Prieto e Eric Ortega do IES de Ames (Bertamiráns). O xurado destacou á peza ''Somos o que comemos'' polo seu guión, creado polos estudantes Daniel Iglesias Duro, Rafael Tato Penas, Daniel Expósito Patiño e Jorge Expósito Patiño, do IES de Milladoiro. Polo tanto esta obra leva o premio ao mellor guión orixinal. Por último, a calidade interpretativa de Eva López e Álex González, tamén alumnos do IES de Milladoiro, valeulles o premio á mellor interpretación pola obra ''Teleoperadora''. Ambos grupos recibiron o voto unánime do xurado.
O Concello de Ames reparte un total de 600 euros entre os premiados, cunha dotación de 200 euros por cada un dos premios. O xurado desta edición estivo composto por catro actores amesáns: Patricia de Lorenzo González, Federico Pérez Rei e Pepo López Suevos-Otero.
O xurado destacou a boa calidade das pezas, así como orixinalidade dalgúns dos guións. Os tres membros coinciden en que no concello amesán ''hai canteira''. Destacan, así mesmo, que as reflexións sobre a propia lingua galega forme parte de moitos dos programas creados polos estudantes. Engaden que a radio é un medio cada vez máis descoñecido na xuventude e que, non obstante, algunhas das obras coidaron moito o aspecto sonoro coa inclusión de música e efectos, algo ''que se debería salientar e valorar''.
Chama á atención de Patricia de Lorenzo unha das pezas presentadas ''a historia trata o secuestro dunha rapaza e no guión inclúense unha serie de estereotipos negativos que creo que non deberiamos pasar por alto''. A membro do xurado explica que este tipo de iniciativas axuda a entender como a mocidade entende o mundo e as relacións humanas e que ''neste caso vemos estereotipos que lles veñen dados pola música que escoitan ou as películas que ven'' e que debemos combater.
Esta quinta edición recibiu a felicitación dos tres encargados de valorar as obras, que resaltan o valor positivo da elección dun medio, a radio, ao que os alumnos poden ''aportar contidos moi interesantes''.
Contido relacionado
El Correo Gallego: 'Entregan os premios de Teatro Lido mañá en Ames'