Pestanas principais

Membros do goberno municipal de Ames visitan a cidade de Pontevedra para coñecer como abordaron a súa planificación urbana

Sábado, 16 de novembro de 2019

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, xunto coa responsable de seguridade viaria da Policía Local de Ames, Cristina Ferreira, visitaron esta semana a cidade de Pontevedra para coñecer como se abordou o proceso de planificación levado a cabo polo goberno municipal pontevedrés para acadar o actual modelo de cidade. Alí reuníronse con membros do goberno municipal de Pontevedra. 

A concelleira Beatriz Martínez explica que se realizou esta visita porque “é unha cidade referente en calmado de tráfico e de convivencia nas rúas”. Asemade, engade que “ademais de empaparnos de toda esa cultura urbana, temos que aprender do bo e as actuacións que fagamos, facelas ben desde o principio”. Así, realizaranse actuacións con garantías para mellorar a mobilidade en Ames dende a súa posta en marcha.

Os obxectivos principais referentes a mobilidade para o Concello de Ames son acadar espazos de ocio na rúa para a xuventude e camiños escolares seguros nas zonas escolares. Uns propósitos que acaden importancia se temos en conta que Ames é un dos concellos con máis poboación nova, xa non só de Galicia, tamén de todo o Estado español. Os datos do IGE amosan que un de cada tres veciños amesás ten menos de 40 anos e que actualmente a poboación de menos de 20 anos case duplica aos maiores de 65 anos.

A visita constou dunha primeira reunión coa concelleira pontevedresa de Cultura, Carme da Silva, na que esta mesma lles explicou como foi o proceso dende o inicio ata agora. Esta complementouse cunha posterior visita polo centro da cidade na que tamén participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de mobilidade da cidade, Demetrio Gómez. Neste paseo, a concelleira apunta que “puidemos coñecer as actuacións que fixeron durante o proceso e cales agora mesmo farían doutra maneira diferente”.

Cómpre recordar que o proceso de peonalización da cidade de Pontevedra comezou fai 20 anos, máis concretamente no ano 1999, e foise prolongando no tempo ata o día de hoxe.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames toma Pontevedra como modelo para su planificación urbana"

La Voz de Galicia: "Ames busca emular los caminos escolares de Pontevedra"

Compostela 24 horas: "Membros do goberno de Ames visitan Pontevedra para coñecer a súa planificación urbana"

 

A concelleira Beatriz Martínez visitou a cidade de Pontevedra para coñecer como abordaron a súa planificación urbana