[13-10-2017] Á xuntanza asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. A Xefa do Servizo de Espina y Delfín en Ames, Virginia López, trasladoulles a situación na captación (ETAP) no río Tambre, en Lens, que polo de agora non é alarmante, malia existir un sensible descenso do nivel do río. Na xuntanza, abordáronse medidas a adoptar co obxectivo de combater a escaseza de auga.
A falta de chuvias está a pór en perigo a dispoñibilidade de auga en moitos dos concellos Galegos. Ríos, encoros, pozos e mananciais están a acadar o seu nivel máis baixo en anos. A xuntanza, realizada polo alcalde de Ames, José Miñones, e polo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, coa responsable do Servizo da agua en Ames, Virgina López, serviu para coñecer, de primeira man, a situación de captación (ETAP) no río Tambre en Lens, que polo de agora non é alarmante. Desta captación, recóllese auga tanto para Bertamiráns como para a súa contorna, incluída a urbanización de Aldea Nova. A situación é igual no Milladoiro e a súa redonda, ata Bugallido, onde a auga continúa a vir de Santiago, mais é captada no mesmo río.
Ademais, nas últimas semanas notouse un incremento na solicitude de enganches ao abastecemento, así como nas solicitudes de información, xa que hai varios puntos do concello que non teñen abastecemento municipal e que están a ter problemas porque captan a auga de pozos ou minas comunitarias que, neste momento, están practicamente secas. Son zonas de Bugallido, Piñeiro, Tapia e Agrón.
Perante esta situación, os membros do goberno local e a responsable do servizo da auga en Ames decidiron aprobar diferentes medidas, alén das xa adoptadas previamente en maio e xuño. As recentemente aprobadas teñen un carácter máis restritivo que as anteriores: redución a cero dos regos municipais (ata o de agora estaban a realizarse unha vez á semana en determinados puntos) e a redución total dos baldeos na rúa (medida xa adoptada, hai unhas semanas, pola empresa Urbaser).
Outra das medidas adoptadas é o envío dun comunicado aos clubs de fútbol para que reduzan ao estritamente necesario o rego do céspede e para que limiten, e controlen, o usa da auga nas duchas. O comunicado tamén será enviado aos polideportivos municipais. Alén desta, tamén se aplicarán outras medidas como o peche do uso das fontes públicas ou a realización dunha campaña informativa para incentivar, entre a veciñanza, o aforro de auga. No caso de que a situación de seca se prolongase no tempo, comezarían a ter lugar cortes programados de auga, nun horario aínda sen determinar. Estas medidas serán aplicadas ata finais de outubro para, posteriormente, analizar a evolución da seca.
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou a impartancia de que a veciñanza estea conciencia acerca do aforro e da boa xestión da auga: “Aínda non hai que alarmarse pola situación, porén si é preciso que as veciñas e veciños de Ames tomen conciencia de que se esta situación se prolongar, as medias a tomar deberán ser moi drásticas. Por iso, é bo que se comece a aforrar e a facer unha boa administración do uso da auga”. Por parte do goberno municipal, tamén se vai acelerar o estudo da ampliación da rede de abastecemento no concello, co obxectivo de que este poida chegar a aqueles núcleos que agora carecen de abastecemento municipal. A extensión da rede deberá levar aparellada unha modificación no regulamento que garanta a conexión á mesma.
Contido relacionado
Lindeiros: "Ames repasa os problemas da seca con Espina y Delfín"
El Correo Gallego: "Ames reducirá el riego municipal y cerrará las fuentes públicas para concienciar sobre la sequía"
Ames Go: "O Concello reducirá a cero o regadío e pechará as fontes pola seca"