[22-07-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor acompañado da concelleira de Xuventude, María González, e do concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, recibiron na Casa do Concello aos cinco nenos saharauís que pasan o verán en Ames. Nesta recepción estivo tamén o Delegado Saharauí para Galicia, Ahmedu Mojtar que agradeceu ás familias a oportunidade que lle dan aos nenos abríndolles as súas casas e os seus corazóns. Mojtar incidiu en que o feito de que os nenos saiban o que hai máis alá do árido deserto é moi positivo para eles e explicou que esta experiencia mesmo é boa para a saúde dos rapaces, pois pasan un chequeo médico cando chegan a España. O máximo representante do pobo saharauí en Galicia manifestou tamén que “é necesario resolver un problema de descolonización no que o pobo saharauí debe ser o que decida se quere ser independente ou integrarse en Marrocos”. Pola súa parte, Santiago Amor asegurou que “espera que a inxustiza que sofre o pobo saharauí se resolva o antes posible e que a ONU de un paso adiante e lle conceda a este pobo o que lle corresponde”.
O Concello de Ames colabora por oitavo ano consecutivo co programa Vacacións en Paz que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, onde as familias do concello poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. No presente ano un total de cinco rapaces pasan coas súas familias de acollida unhas vacacións tranquilas e divertidas.
O programa Vacacións en Paz responde a un marco de solidariedade e axuda desinteresada para ofrecerlles unha estancia agradable e rica aos nenos saharauís e para que coñezan outros xeitos de vida que contribúan á súa formación, pero tamén para potenciar a comunicación e o entendemento entre dous pobos, como son o español e o saharauí.
Este ano, o Concello de Ames acolle a cinco nenos e nenas do Sáhara a través desta campaña. Esta colaboración entre a Administración local e a asociación materialízase tamén nunha achega económica de 4.450 euros, mediante a cal se sufraga a viaxe e a estadía dos cativos e cativas en Ames.
Arredor de 400 nenos saharauís chegaron este verán a Galicia e están distribuídos polas catro provincias.
Recepción do novo tenente do cuartel de Milladoiro
Santiago Amor tamén recibiu esta mañá ao novo tenente do cuartel da Garda Civil do Milladoiro, Jorge Rodríguez Serantes. Esta primeira reunión foi unha toma de contacto na que o alcalde amiense Santiago Amor lle desexou o mellor no seu novo posto ao tenente Serantes.