Pestanas principais

Membros de asociacións locais, corpos de seguridade, Anpas e representantes políticos conmemoraron hoxe en Ames o Día da Muller

Luns, 09 de marzo de 2015

[09-03-2015] Ames conmemorou hoxe o Día Internacional da Muller coa lectura dun manifesto diante da Casa Consistorial. Ao acto, que comezou ás 14:00 horas, acudiron medio cento de persoas entre representantes dos grupos políticos municipais, membros das asociacións de nais e pais de alumnos, corpos de seguridade e voceiros de distintas asociacións locais, como a recentemente constituída Asociación Cultural de Mulleres de San Xoán de Ortoño.

O alcalde, Santiago Amor, iniciou a súa intervención destacando a importancia de “tratar por igual a calquera persoa, con independencia do seu sexo”. Amor sinalou que as políticas sociais do goberno amesán “están enfocadas en conseguir unha sociedade na que nenos e nenas, homes e mulleres, teñan as mesmas oportunidades”.  

De seguido, a concelleira de Igualdade e Muller, Ana Ruso, leu o comunicado institucional -que lembra a Declaración de Beijing de 1995- facendo fincapé na necesidade de “consolidar políticas públicas que promovan en todos os ámbitos da vida local modelos de igualdade”. O manifesto citaba tamén a responsabilidade que deben asumir as Administracións de cara a potenciar a participación das mulleres en todos os ámbitos da vida política, económica, social e laboral.  

Por último, Ruso fixo referencia á “firme decisión” do Concello de Ames de reforzar as súas actuacións e colaborar con todas as institucións públicas e axentes sociais para promover a igualdade real entre homes e mulleres.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Unanimidad por la igualdad"
El Correo Gallego: "Terras brindó por el éxito y los retos de sus mujeres"