[16-09-2011] Un grupo de alumnos e profesores técnicos da escola de capacitación agraria francesa Meslay, situada na zona de La Vendée, visitou Ames para coñecer o funcionamento da asociación Lentura, que comezou como o proxecto Amorodo. Os visitantes mostraron especial interese pola súa forma de xestión e pola súa política de comercialización. Un total de 40 franceses, 30 alumnos e 10 profesores do sector agropecuario, achegáronse ata o local de confección e distribución de cestas, situada en Aldea Nova, para ter información de primeira man relacionada coa práctica desta entidade de promoción da agricultura sustentable das comarcas da Maía e do Sar. Esta actividade está proxectada dentro do programa de intercambio formativo que a Escola Familiar Agraria Fonteboa de Coristanco realiza con outras organizacións de similares características no marco da Unión Europea.
Tras a viaxe dos alumnos e profesores de Coristanco ao país veciño, tocoulle nestes días a quenda aos rapaces e técnicos da entidade formativa francesa. Durante o intercambio Francia-España, coordinado dende Coristanco polo profesor Gil, os franceses puideron acudir a diversos lugares do sector da agricultura para coñecer o funcionamento das entidades agrarias galegas e a súa forma de xestión, comercialización e distribución dos produtos. Unha das actividades que se desenvolveron durante a súa estadía foi a visita guiada ao local de confección e distribución de cestas, situada en Aldea Nova, na que os asistentes recibiron con especial interese información vinculada á creación da asociación Lentura, entidade que aposta forte e firmemente polos mercados locais e pola produción ecolóxica. Despois da teoría, os visitantes franceses puideron observar un exemplo grazas á visita a unha pequena explotación agraria dun mozo incorporado á agraria, que lles permitiu vivir a aplicación práctica deste proxecto de agricultura sustentable.
Asociación Lentura, proxecto innovador para a promoción da agricultura sustentable
A Asociación Lentura nace como resultado do proxecto Amorodo que se inicia no ano 2006. Esta entidade ten como función principal a promoción da agricultura ecolóxica das comarcas da Maía e do Sar e conta coa axuda e colaboración dos Concellos de Ames, Brión, Dodro e Rois.
Con este proxecto, estes municipios apostan pola produción, comercialización en circuítos curtos e venda directa entre produtores e consumidores. Esta agrupación defende o cultivo de produtos naturais sen aditivos, a recuperación de sementes e variedades locais e, tamén, a promoción do recoñecemento e responsabilidade compartida entre produtores e consumidores.
A importancia do local constitúe un dos fundamentos principais de Lentura xa que consideran os mercados locais como núcleos neurálxicos da comercialización de produtos agrarios. Por iso, esta asociación participa en diversos acontecementos vinculados a esta actividade económica. Entre outros actos, destaca a participación no mercado que se celebra os sábados en Bertamiráns e a asistencia todos os martes ao mercado de produtos ecolóxicos e locais "Entre lusco e fusco", situado no parque de Belvís. Por outra banda, esta entidade participa tamén nas Feiras de Produto Caseiro de Rois, no Día do Medio Ambiente de Brión e na Festa Rural de Dodro.
Porén, este proxecto agrario innovador non queda nos límites destes concellos senón que expande a súa área de influencia a numerosos municipios galegos que mostran o seu interese no tocante ao funcionamento desta asociación. Deste xeito, buscan mellorar as súas propias explotacións agrarias de produtos sans e de calidade. Lentura, a través da súa asistencia a charlas, coloquios e debates, leva amosando a súa experiencia pola comunidade galega como unha forma innovadora de xestión e promoción da agricultura sustentable polo que son moitos municipios que comezan a estudar a súa aplicación práctica. A visita do grupo francés da escola de capacitación agraria resulta unha mostra evidente do éxito deste proxecto.




