Pestanas principais

Mellórase a seguridade viaria na avenida de Rosalía de Castro coa colocación de semáforos e un novo paso de peóns

Sábado, 23 de febreiro de 2019

[23-02-2019] Este venres, 22 de febreiro, instaláronse dous novos semáforos na avenida Rosalía de Castro do Milladoiro, á altura das rúas Viorneira e Seidón. Ademais, neste mesmo lugar habilitouse un novo paso de peóns adaptado, que permite conectar os dous lados da avenida. Mediante este plan, realizado con fondos propios municipais, o Concello de Ames mellora a seguridade na N-550 e facilita o cruce desta avenida, na que moitos viandantes poñían en perigo a súa vida ao cruzar por ese punto, ata o de agora sen adaptar. Durante a próxima semana os semáforos estarán en período de probas.

Este venres, 22 de febreiro, instaláronse dous novos semáforos na avenida de Rosalía de Castro co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na N-550, ao seu paso pola localidade do Milladoiro. Ademais, procedeuse ao pintado dun paso de peóns á altura do cruzamento da avenida de Rosalía de Castro coas rúas Seidón e Viorneira. Para realizar esta intervención foi necesario actuar na mediana da estrada, demolendo a parte da mesma que coincidía co novo paso de peóns. Tamén se modificaron as beirarrúas creando unha pequena rampla de acceso para que se poida utilizar o paso de peóns de forma accesible.

Deste xeito, mellorase a seguridade na N-550 e facilítase o cruce desta avenida, xa que eran moitos os veciños e veciñas que cruzaban por ese punto e poñían en risco a súa seguridade. Así habilítase un novo cruce e conéctanse os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación executouse con fondos propios municipais e tivo un custo de 32.192 euros.

Esta actuación foi solicitada pola Asociación de Pequenos Comerciantes de Viorneira, Palmira-Bulebar. Durante a próxima semana os semáforos estarán en período de probas, antes de comezar a funcionar de xeito definitivo.

Cómpre lembrar que dende o pasado 12 de decembro os vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas non poden circular pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Deste xeito, ditos vehículos teñen que desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Os únicos camións que poden circular pola avenida de Rosalía de Castro son os que se dirixan ao parque empresarial do Milladoiro e aos concesionarios situados no lugar de Reborido (zona sur do Milladoiro).

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “se trata dunha obra executada con fondos propios municipais que permite reforzar a seguridade peonil, nun punto da avenida de Rosalía de Castro onde moitos viandantes poñían en perigo a súa integridade. Esperamos que coa nova sinalización e cos novos semáforos haxa máis vehículos que tomen o novo desvío alternativo e se reduza en maior cantidade o tráfico rodado polo Milladoiro”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro recibe con filloas y camelias las mejoras en la N-550"
La Voz de Galicia: "O Milladoiro estrena asfalto y paso peatonal con semáforo en la avenida Rosalía de Castro"