Pestanas principais

Mellórase a accesibilidade nas Oficinas Xerais do Milladoiro e nos edificios do Pazo da Peregrina

Sábado, 19 de setembro de 2020

As Oficinas Xerais do Milladoiro e mailas dependencias municipais do Pazo da Peregrina xa son accesibles para calquera persoa que teña problemas de mobilidade. Ditas obras foron adxudicadas á empresa Joscón Construcciones SL por un importe de 128.000 euros. Estas obras enmárcanse na segunda fase do proxecto de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos do concello. Deste xeito, mellorouse a accesibilidade no edificio do Pazo da Peregrina e nos que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como na planta baixa das Oficinas Xerais do Milladoiro.

O aspecto das Oficinas Xerais do Milladoiro mudou despois de que se acometesen as obras necesarias para mellorar o acceso ao edificio e aos distintos espazos e departamentos. As persoas con dificultades de mobilidade teñen agora máis doado chegar ás oficinas de Servizos Sociais e Atención Cidadá que alberga o edificio.

Realizáronse obras no interior do edificio, conseguindo  un itinerario vertical accesible entre as dúas plantas do mesmo, mediante a substitución da escaleira que existía, por unha plataforma elevadora adaptada con envolvente de cristal. Ademais, executáronse obras para facer accesible o aseo existente na planta baixa e adaptáronse o resto dos espazos coas variacións de carpintería e  tabiques necesarias para inxerir portas adaptadas, mobiliario de uso público e paneis informativos adaptados. Unha axuda técnica para persoas xordas no espazo de Atención Cidadá principal, completa estes cambios.

Estas obras completan as executadas no ano 2018, nas que se actuou no entorno exterior da edificación (aparcamento adaptado anexo, adaptación do paso de peóns máis próximo e melloras no mobiliario público) e no acceso á mesma dende o exterior a través dun itinerario accesible.

Actuacións no Pazo da Peregrina
Por outra banda, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, adaptouse o aparcamento exterior e mailo paso de peóns máis próximo. Tamén se adaptou a entrada ao recinto do Pazo mediante a execución dunha rampla exterior nova.

Para acceder á Casa da Froita, Casa dos Caseiros e á Capela habilitáronse ramplas externas de acceso. O acceso ao edificio do Pazo da Peregrina executouse no mesmo pavimento de planta curva cun novo pavimento idéntico ao existente coa pendente adecuada e adaptada para anular os chanzos de incorporación. Ademais, no interior do Pazo da Peregrina, habilitouse un elevador adaptado no espazo adxacente á escaleira que une a planta baixa co primeiro andar.

Por último, na planta baixa do Pazo da Peregrina creouse un aseo adaptado. Asemade, en cada edificio do complexo colocouse un panel informativo adaptado e, no caso da Casa da Froita, colocouse un mostrador de dimensións adaptadas para atención cidadá.

Estas obras forman parte da segunda fase das obras de accesibilidade universal en edificios públicos do concello e están incluídas no Plan de Acción Social “PAS complementario de 2015” da Deputación da Coruña. Dito proxecto foi adxudicado a empresa  Joscón Construcciones, SL por un importe de 128.000€, IVE incluído.

Investimento en accesibilidade nos últimos anos
Esta segunda fase das obras de accesibilidade universal en edificios públicos de Ames, na que se inclúen as actuacións nas Oficinas de Servizos Sociais e Atención Veciñal do Milladoiro e no complexo do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, súmase a outras que, en materia de accesibilidade, se desenvolveron nos últimos anos no concello de Ames.

Son máis de 500.000 euros os que xa se investiron en actuacións en varias instalacións e zonas públicas do Milladoiro (parque infantil adaptado nas inmediacións da Travesía do Porto, mellora de accesibilidade no entorno exterior das oficinas xerais, mellora de accesibilidade no entorno e interior da biblioteca municipal, piscina municipal e seu entorno, mellora de accesibilidade no interior e entorno do pavillón de Milladoiro, mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio e na Travesía do Porto, intervencións en varios pasos de peóns e aparcamentos adaptados do lugar do Milladoiro) e en Bertamiráns (melloras de accesibilidade na Casa do Concello e entorno da mesma, vestiarios accesibles para utilización de deportistas e usuarios da piscina municipal, melloras de accesibilidade no entorno da praza da Maía e na rúa Alcalde Lorenzo, intervención en varios pasos de peóns e aparcamentos adaptados no lugar de Bertamiráns), así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

Ademais, no momento actual, estanse executando traballos de mellora da accesibilidade de nas rúas do Milladoiro e Bertamiráns, a través do Plan Impulsa Ames da EDUSI.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo da planificación iniciada no mandato anterior coa que se realizaron varias obras, entre as que destacan a adaptación de edificios públicos, a rúa Agro do Medio, a praza da Maía, o novo parque adaptado do Milladoiro, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Mejora en la accesibilidad a las oficinas municipales de O Milladoiro y Bertamiráns"

 

Imaxe do ascensor instalado nas Oficinas Xerais do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do ascensor instalado no Pazo da Peregrina
  • Imaxe do ascensor instalado no Pazo da Peregrina
  • Imaxe dos aseos adaptados do Pazo da Peregrina
  • Imaxe do ascensor instalado nas Oficinas Xerais do Milladoiro
  • Imaxe dos aseos adaptados das Oficinas Xerais do Milladoiro