Pestanas principais

Medio Rural e o Concello de Ames coordinan as labores de prevención de incendios forestais nas faixas secundarias

Mércores, 28 de agosto de 2019

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, reuníronse co conselleiro do Medio Rural, José González, para abordar a cuestión da prevención de lumes forestais no municipio amesán. En concreto, na reunión, na que tamén estivo presente o director de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, coordináronse as labores que está a desenvolver o concello, a través do plan municipal de prevención de incendios forestais, con aquelas previstas a través do convenio de protección das aldeas. O conselleiro e o alcalde valoraron a posibilidade de crear unha aldea modelo no municipio, o que permitirá optimizar a xestión da biomasa preto das vivendas.

O concello de Ames é un dos 222 municipios de Galicia adheridos a este convenio que ofrece servizos e ferramentas gratuítos aos gobernos locais para facilitar a execución das súas competencias no que a limpeza de biomasa nas faixas secundarias se refire.

Así mesmo, no encontro analizáronse tamén os avances no plan municipal de prevención de incendios forestais que esixe a lei e no que xa está traballando o concello. Dende a Consellería do Medio Rural indicáronselle as cuestións pertinentes para que o mesmo poida ser aprobado definitivamente.

En concreto, o Concello de Ames puxo en marcha en 2016 un plan municipal de prevención de incendios forestais, a través da plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Este plan foi abordado hoxe na xuntanza de cara a crear sinerxías co convenio de protección das aldeas.

Aldea modelo
Ademais, dado que Ames non conta polo momento con parroquias priorizadas, abordouse a posibilidade de crear unha aldea modelo dentro do municipio, o que permitirá optimizar a xestión da biomasa preto das vivendas.

A iniciativa das aldeas modelo nace co obxectivo de executar a limpeza das faixas no entorno dos núcleos de poboación e poñelas a producir. Unha vez despexadas esas franxas porase en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Todo isto funcionará como devasa natural fronte o lume xa que, desenvolvendo actividade económica nas franxas non será preciso rozar todos os anos.

Por último, abordouse a mellora das instalacións de Augapesada e analizáronse as vías de colaboración para o seu mantemento, xa que son empregadas polas brigadas de incendios da Xunta de Galicia.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Xunta y Concello amiense coordinan labores de prevención de incendios"

El Correo Gallego: "Prevención dos incendios para Ames"

Compostela 24 horas: "Ames e Medio Rural coordinan as súas labores de prevención de incendios"

Imaxe da reunión co conselleiro do Medio Rural, José González