Pestanas principais

Médicos do mundo, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha xornada de acceso á saúde para inmigrantes

Martes, 11 de abril de 2017

[11-04-2017] A organización “Médicos do mundo”, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha xornada de formación para grupos de persoas inmigrantes que queiran traballar en rede para defender os seus dereitos. Os temas sobre os que versará o curso son: “Acceso á saúde para persoas inmigrantes” e Prevención da violencia machista” . A actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, o mércores 19 de abril, en horario de 10:30 a 13:30. A entrada á actividade é libre e gratuíta até completar aforo.

Defender os dereitos dos inmigrantes na sanidade pública e denunciar os abusos dos que en moitas ocasións é vítima este colectivo é un dos labores que realiza a organización “Médicos del Mundo” coa que o Concello de Ames leva traballando desde hai anos “O Concello colabora con Médicos del Mundo desde hai tempo e nesta ocasión trae a Ames unha xornada para que os/as inmigrantes coñezan os seus dereitos sanitarios e adquiran ferramentas para poder detectar e denunciar os posibles casos d e vulneración aos que se ven sometidos”, declara a concelleira de Servizos Sociais, Luisa Feijoo, quen engade a importancia de que xunto con este tema se trate tamén a prevención da violencia machista.

Desde que entrou en vigor a nova Lei de Acceso á Sanidade a nivel estatal e a Xunta comezou tamén a aplicar novas medidas de recortes neste eido, o colectivo dos inmigrantes ten moitas máis dificultades para ser atendido na sanidade pública. A organización non gobernamental, Médicos del Mundo atende pacientes aos que se lles nega o acceso á sanidade pública e denuncia estes casos. No informe que a organización anualmente presenta para dar a coñecer a vulneración á que está sometido este segmento de poboación, aparecen moitos casos da contorna de Santiago á que pertence o Concello de Ames.

A xornada está financiada pola Dirección General de Migraciones e a Secretaria General de Inmigración y Emigración, dependentes do Munisterio de Empleo y Seguridad Social e pola Unión Europea a través do Dondo de Asilo, Migración e Integración. A actividade chega a Ames da man da organización Médicos del Mundo e se leva a cabo coa colaboración do concello.