O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle este mércores, 8 de maio, a presentación do terceiro libro de Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames. A obra, titulada “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así” supón un percorrido pola vida, as costumes e o traballo dunha sociedade representada pola veciñanza amesá do século XX. Mediante anécdotas e recordos nas que se citan vivencias de veciñas e veciños concretos, Maximiliano mergulla ao lector nunha época marcada por aspectos e feitos que hoxe en día poden parecer afastados, pero que supoñen partes das raíces da sociedade actual. A entrada ao evento, que terá lugar ás 20.30 horas, é de balde ata completar aforo.
A Concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica organiza este mércores, 8 de maio, a presentación do último libro de Maximino Viaño, editado pola Deputación da Coruña. A obra, titulada Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así ofrece un repaso pola vida dos veciños e veciñas que habitaron as aldeas do concello amesá durante o século XX. Unha vida marcada polas limitacións, o traballo e o agro que conflúe nunha realidade testemuña dunha época xa pasada, que mostra unha forma de vida que pode ser extrapolada a case calquera zona do rural galego de antano.
Mediante este traballo, o autor busca “achegar á nosa xuventude e ás xeracións que nos sucedan algúns retallos da nosa historia. Que saiban algo das súas raíces. Que non esquezan que as xeracións que nos precederon, coas súas limitacións, miserables moitas veces, axudaron a ir compoñendo este noso mundo de fartura que hoxe se está a vivir”. Un obxectivo que tamén moveu a Maximino á hora de compoñer as dúas obras que preceden a este libro, como son “Lembranzas. Una vida en el campo gallego” do ano 2001, e “Os muíños de Riamontes. Contos da miña aldea”, publicado no 2004.
Esta nova obra, que supón a continuación do recollido nas anteriores publicacións, artellase sobre as reflexións e os recordos dun veciño do entorno rural do Val de A Maía que, aos oitenta anos, reflexiona dende o alto do Pico de San Marcos. Alí sentado, rememora anécdotas da vida de persoas que xa non están, feitos importantes que tiveron lugar na comarca que se estende aos seus pés, e costumes que pasaron de xeración en xeración. Un testemuño que mostra a vida na zona durante as distintas décadas do século XX.
Así, faise un percorrido por todos os aspectos que articulan unha vida, como é o traballo, as crenzas, as festas, a maneira de socializar, a vestimenta, a morte, e o hábito do aforro. Asemade, o narrador bota man das múltiples viaxes realizadas, nas que se mostra o facer de persoas adicadas á explotación da agricultura e da gandería noutros países, así como a súa concepción do cooperativismo e os seus pasos no mundo agrario. Unha visión que leva a coñecer a situación desta actividade en Galicia.
Maximino Viaño, que este ano cumpre 92 anos, é un histórico do cooperativismo agrario galego. Foi un dos socios fundadores da Cooperativa Feiraco e un dos promotores da denominación Ternera Gallega, da que foi presidente ata a súa renuncia. O seu labor no mundo cooperativo e gandeiro compatibilizouse coa súa actividade política -concorreu ao senado co CDS- e coa súa afección á escritura.
Ligazóns:





