Pestanas principais

A maxia, o cine e a música protagonizarán a programación de Nadal de Ames

Martes, 11 de decembro de 2012

[11-12-2012] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta maña a presentación da programación deseñada para o Nadal 2012. O programa conta con preto de 40 actividades pensadas para toda a familia, entre as que se atopan cine, música, deporte, a chegada dos Reis Magos de Oriente e moita maxia. No acto, o alcalde de Ames, Santiago Amor, estivo acompañado pola concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e polo concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar. Á rolda de prensa tamén asistiron o xerente de Abarajar Producións, Javier Polo, que explicou os pormenores do Festival de Maxia que se celebrará esta semana no municipio, e o director da película O Apóstolo, Fernando Cortizo, quen detallou algúns dos segredos da rodaxe deste filme que se proxectará este mes en Ames.

Música e baile
Durante estes días de Nadal, os amienses tamén poderán gozar de música e danza. A primeira das citas será o venres 21 de decembro coa celebración do Festival de Nadal de Corais no que participarán as corais de Bugallido, Piñeiro, Coral de Ames, Coral Lojo Batalla de Tapia, Coral Nosa Señora do Corpiño de Oca e Coral Polifónica de Luou. Para o domingo 30 de decembro está programado un concerto da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18,00 horas.

A danza chegará a Ames o xoves 27 de decembro, coa interpretación na Casa da Cultura de Bertamiráns da obra Traspediante, para todos os públicos. Ademais, para os maiores do Concello de Ames está programada unha actividade que combinará baile e chocolate. A cita será o 28 de decembro ás 18,30 horas no Pavillón de Bertamiráns. Haberá autobuses, que sairán ás 17,30 horas da paradas de costume.

Tamén haberá espazo para a música destinada aos máis pequenos da casa. A primeira das ocasións será o xoves, 3 de xaneiro, coa música de Mama Cabra, que interpretarán en Bertamiráns ‘Xa me tardan eses Magos’. Un día despois, o 4 de xaneiro, será a quenda do obradoiro de recuperación de cantos de Nadal ‘Cantámosche os reis’, con Pablo Díaz e Olga Kirk.

Obradoiros e deporte
Os nenos e nenas amienses poderán aprender e divertirse este Nadal coa programación de diferentes obradoiros. Tamén haberá oferta para os adultos, que poderán asistir a un curso de cociña económica para o Nadal, que se celebrará este sábado na Aula da Natureza.

Para os máis pequenos haberá actividades para a realización de adornos de Nadal (nas bibliotecas de Bertamiráns e Milladoiro o 17 e 18 de decembro), ou para aprender escritura creativa (no Pazo da Peregrina o 26 e 27 de decembro, con inscrición). Ademais, está programado un obradoiro de lectura dramatizada baixo o título de Vou ter un irmán, de María Solar. Estará destinado a nenos/as de entre 4 e 6 anos e será o 28 de decembro no Pazo da Peregrina.

Durante os días 2 e 4 de xaneiro levarase a cabo o obradoiro Tardes ao Natural. Será na Aula da Natureza, en horario de 16,00 a 20,00 horas. Terá un custo de 10 euros e haberá 35 prazas. A inscrición poderá facerse do 15 ao 27 de decembro. Haberá servizo de autobuses.

No ámbito deportivo, celebrarase o cuarto partido benéfico de baloncesto Concello de Ames o domingo 30 de decembro no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns ás 18,00 horas. Un día antes, o 29 de decembro, terá lugar a Carreira Ciclista do Pavo na zona do Pedregal, en Bertamiráns.

Cabalgata de Reis

O sábado 5 de xaneiro chega unha cita ineludible do Nadal e que os máis cativos da casa agardan con ilusión todos os anos: as Cabalgatas de Reis. Os Reis Magos estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón de Bertamiráns. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá animación infantil, con música e xogos.

Maxia
O prato estrela da fin de semana será o Festival de Maxia do Concello de Ames. Na rolda de prensa, o xerente de Abarajar Producións, Javier Polo, explicou que as casas da cultura e as prazas de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán durante o sábado 15 e o domingo 16 de decembro este festival, dirixido a todos os públicos. A programación de actividades do festival inaugurarase o 15 de decembro no Milladoiro e repetiranse o 16 en Bertamiráns. Os dous días entre ás 11:00 h e as 12:30 horas haberá un obradoiro de maxia que impartirá o mago Charly. Este ilusionista achegaralle os segredos da maxia aos rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. Para participar nesta actividade é preciso estar inscrito. Para este obradoiro ofértanse un total de 50 prazas (25 para Bertamiráns e 25 para O Milladoiro). Ambos os dous obradoiros desenvolveranse nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.

Despois deste obradoiro, os espectáculos de maxia continuarán, pero esta vez desenvolveranse na carpa do misterio, que estará instalada na rúa. Este espectáculo, que se realizará en horario de mañá, de 12:00 h a 14:00 horas, e de tarde, de 16:30 h a 18:00 horas, está pensado para que as persoas de todas as idades poidan asistir. Faranse pases cada 30 minutos, polo que ao longo do día haberá sete sesións de maxia. A carpa do misterio estará instalada na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro.

A actividade estrela realizarase ás 18:30 horas nos auditorios das casas da cultura das dúas localidades amienses, coa celebración da Gala máxica, que estará presentada por Carlos Adriano. Este espectáculo contará coa participación de Dani Polo, Mago Rafa, Mago Teto e Mago Sasha. Este espectáculo está dirixido a todos os públicos. Para asistir haberá que mercar unha entrada nas Casas da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns, dende o luns 10 ata o venres 14 decembro, en horario de 9:00 h a 14:00 horas e de 17:00 h a 22:00 horas. Tamén se poden mercar o sábado 15 de decembro (no Milladoiro) ou o domingo 16 (en Bertamiráns) en horario de 17:00 h a 18:30 horas. O prezo das entradas é de 2 euros para o público en xeral, mentres que os menores de 12 anos, estudantes e maiores de 65 anos tan só terán que pagar 1 euro. O aforo dos auditorios é limitado. 

Ademais, este ano a Concellaría de Comercio e Promoción Económica, en colaboración coa Concellaría de Cultura, organizou o programa Maxia de Preto, no que, coincidindo coa celebración do X Festival de Maxia entre os días 14 e 16 de decembro, desenvolveranse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro.

Cine, musica e danza
Durante este Nadal estrearase en Ames o filme galego O Apóstolo, a primeira película europea de stop motion rodada en 3D estereoscópico. A película, dirixida por Fernando Cortizo e recomendada para maiores de 7 anos, foi recoñecida en festivais internacionais e estreada o pasado 31 de outubro. O director explicou que se trata “dunha película, que fala de Galicia e que xa triunfou este ano en numerosos festivais, tendo cerrados para 2012 a presenza noutros nove”. Os amienses poderán gozar desta historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago en dúas sesións: o sábado 22 de decembro na Casa da Cultura de Milladoiro e o sábado 29 en Bertamiráns, ás 20,00 horas.  O prezo das entradas será de dous euros para os maiores de 18 anos e de 1 euro para os menores desa idade.

A programación de Nadal de Ames tamén inclúe proxeccións de cine infantil. Deste xeito, poderá verse a película Pinocchio 3000 o venres 28 de decembro no Milladoiro e O Bosque Animado en Bertamiráns o mércores 2 de xaneiro. Ademais, tamén se proxectará a película Enrugas, baseada no cómic de Paco Roca. A proxección será o venres 28 de decembro ás 21,00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.


O rexedor amiense animou aos veciños e veciñas a participar nun programa de actos que destacou como “variado e de moita calidade”. Santiago Amor destacou que o obxectivo é “xerar ilusión”, aproveitando os recursos dos que dispón o concello para elaborar unha ampla programación. Ademais, agradeceu o esforzo levado a cabo polos diferentes departamentos municipais, que fai posible levar a cabo un conxunto de actos pensados nos veciños e veciñas.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, subliñou que a programación de Nadal de Ames “está pensada para toda a familia e para que os pequenos e maiores se divirtan”. Entre moitas outras actividades, destacou o Concurso de Cartas de Nadal, xa en marcha, ou o Festival de Maxia que comeza esta fin de semana e que reunirá a magos nacionais e internacionais.

Inicio das actividades
As actividades deste Nadal 2012 desenvolveranse coma sempre tanto en Milladoiro coma en Bertamiráns e farán as delicias de todos os membros da familia. Ademais de actividades culturais, a Concellería de Promoción Económica tamén preparou un conxunto de iniciativas destinadas a impulsar o comercio local a través da ilusión, que pretenden favorecer o consumo dos fogares e que doten ao comercio dunha campaña común que favoreza a ilusión dos nenos/as por estas festas.

As actividades comezarán este venres, 14 de decembro, co acendido da iluminación de Nadal. O acto comezará ás 18:00 horas na Casa do Concello. Entre as actividades programadas para esa tarde destaca unha actuación dos nenos e nenas da Escola Municipal de Musica de Ames (EMMA). Ademais, procederase á entrega dos galardóns aos premiados no Roteiro dos petiscos na Festa das Compras. Durante o acendido das luces do Nadal servirase chocolate con churros.

A programación continuará esa mesma noite coa representación na Casa da Cultura de Bertamirans da obra de teatro 'Sexo? Por que non?' e a entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido. O sábado procederase á inauguración do Belén de San Xoanciño de Pousada ás 16:30, que contará coa actuación de As Maianas, Follas Novas e as corais de Piñeiro e Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A maxia, o cine e a música protagonizarán a programación de Nadal de Ames"
La Voz de Galicia: "El festival de magia, cine y la cabalgata, principales apuestas del Nadal de Ames"