[26-12-2014] As actividades culturais do Nadal en Ames continúan este luns, día 29, co espectáculo de maxia Acción, a cargo do mago Dani García. A función, dirixida ao público familiar, terá lugar ás 17:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun número no que a orixinalidade, a comedia e o drama xúntanse coa maxia para facer gozar aos asistentes. Está cheo de efectos con todo tipo de obxectos que farán participar ao público demostrando que todo é posible no mundo da ilusión.
Máis tarde, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a actuación da Escolanía “Anxos de Compostela” da Catedral de Santiago. O concerto, duns cincuenta minutos, está integrado básicamente por panxoliñas e algunha obra de Nemesio García Carril, que foi mestre-director da capela da basílica compostelá entre 1968 e 1980. No Nadal de 2012 esta agrupación xa actuara no Milladoiro, tamén no marco da programación municipal festiva.
A Escolanía da Catedral de Santiago é un coro infantil que agrupa a unha vintena de voces, maioritariamente femininas, que iniciou unha nova andanza en 2008 tras a súa desaparición nos anos setenta. Foi revitalizada para cantar nas celebracións litúrxicas da basílica compostelá, sobre todo en aquelas que revisten singularidade ou solemnidade, ao tempo que constitúe unha actividade formativa de canto coral. O seu director é José Luis Vázquez, a quen o Cabido encomendou a tarefa de refundala.
Teatro infantil en Bertamiráns
O martes 30 haberá teatro infantil a cargo da compañía Trompicallo, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns a peza Osiño. Nesta obra, dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos, a vida nun anaco do bosque transfórmase coa chegada das diferentes estacións. Neste lugar vive Osiño coa súa nai. Con eles, os pequenos asistentes ao espectáculo realizarán un percorrido polas catro estacións coñecendo o frío inverno, as flores da primavera, a calor do verán ou as cores do outono.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La Escolanía de la Catedral animará el Nadal de Ames"




