[03-12-2015] Ames, Teo e Santiago presentaron hoxe, de forma conxunta, o Concurso de Cartas de Nadal, unha actividade posta en marcha polas respectivas áreas de Normalización Lingüística de cada concello. A iniciativa, baixo o lema ''Este Nadal...cultívao a diario!'' quere animar a nenos e nenas a encher de contidos as cartas que escriben pedindo os seus agasallos de Nadal. As concelleiras Isabel Vaquero, de Ames, e Pilar Fernández, de Teo, e o concelleiro, Manuel Dios, de Santiago, presentaron publicamente parte dos materiais que acompañan a actividade. O municipio amesán leva xa nove anos desenvolvendo este programa en colaboración cos centros de ensino de educación infantil e primaria.

Os colexios de Ames recibiron xa a cadansúa caixa de correo de Nadal, así como unha primeira parte dun máxico agasallo para repartir entre todo o alumando de ata 4º de primaria. O 18 de decembro recolleranse todas as cartas dos colexios para facerllas chegar aos magos.
Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, nas casa da cultura e nas bibliotecas para que toda a veciñanza poida participar. Nos locais municipais poderán depositarse as cartas ata o día 4 de xaneiro.
Os magos do Nadal pretenden que este ano os nenos e nenas escriban as súas cartas de maneira especial, cheas de imaxinación e creatividade e cultivando a lingua galega, como unha semente que cada un coida para o futuro. As cartas en galego que leven os datos completos recibirán unha resposta nas súas casas, que conterá unha sorpresa para activar a maxia e convidalos a seguir cultivando...
Esta proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta dos nenos/as estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..), procurando deste xeito eliminar barreiras relixiosas.
As cartas que os nenos e nenas compoñan non teñen limitación en canto a extensión ou formato e poden conter calquera tipo de ilustración ou decoración. Asemade, poden servir para tratar diferentes contidos didácticos, desde o máis lingüísticos como a estrutura habitual deste tipo de textos ou os diferentes rexistros e os tratamentos persoais na escrita, ata os relacionados co coñecemento das tradicións culturais, os ciclos da natureza, a ecoloxía ou valores como a solidariedade... As infinitas posibilidades están nas mans de docentes e das familias.
Cartas-resposta con sorpresa incluída
É moi importante que cada carta (ou o sobre, se é o caso) inclúa os datos completos do neno ou nena: nome e apelidos, idade, enderezo (rúa ou lugar, número, piso, parroquia, código postal e localidade) así como o número de teléfono. Todos os nenos e nenas que indiquen o enderezo correctamente recibirán nel a carta resposta con sorpresa incluída.
Premios para as seis cartas máis interesantes e creativas
Ademais, no Concello Ames haberá seis premios para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do ano vindeiro. Por iso, é fundamental indicar un número de teléfono da familia para que se poida contactar cos gañadores do concurso e convocalos á entrega deses premios, que coincidirá coa cabalgata do 5 de xaneiro.
As seis cartas premiadas serán escollidas entre as escritas en galego, valorando a creatividade e a adecuación ao tema proposto e á idade do/a participante.




