Pestanas principais

Martina Bretaña acada o primeiro posto no Campionato Galego de Patinaxe e Aldara Couce o sexto

Xoves, 14 de xullo de 2016

[14-07-2016] Martina Bretaña, de 9 anos, e Aldara Couce, de 11 anos, dúas patinadoras amesás, participaron o pasado sábado no campionato galego de patinaxe libre e en parellas. Martina, do Club de patinaxe Omega, acadou o primeiro posto da categoría benxamín feminina, mentres que Aldara, do Club de patinaxe Sarela, rematou en sexta posición na alevín feminina. O público do pavillón do Restollal, en Santiago de Compostela, puider ver o traballo e dedicación de 42 pequenos e pequenas patinadores ao longo da xornada.

Do mesmo xeito que o Club de patinaxe Sarela e o Club de patinaxe Omega se creaban á vez, Martina Bretaña e Aldara Couce comezaban a patinar. Ambas coincidiron este ano en distintos torneos; a primeira en categoría benxamín -xa que ten 9 anos- e a segunda en alevín -conta con 11 anos. O sábado ambas participaron no campionato galego de patinaxe libre e en parellas.

Martina Bretaña comezou a patinar no Club de patinaxe Omega aos 6 anos, no momento no que o propio club comezaba a súa andaina en Ames. Aos 7, explica a súa adestradora Anahí Sotelo, “xa comezou a competir”. “Foi bonito”, engade “porque dende que comezou o ano foi mellorando en cada competición”. Martina competiu en febreiro no Trofeo Deputación da Coruña, no que acadou o cuarto posto. En marzo subiuse por primeira vez ao podio no Trofeo da Xunta de Galicia e, xa no mes de maio, participou no seu primeiro campionato organizado pola Federación Galega de Patinaxe, o campionato provincial de patinaxe artística. Logo de quedar primeira no campionato galego, conta a súa adestradora, “non podía estar máis contenta”.

Anahí Sotelo explica que “Martina non se clasifica para ningún campionato estatal, porque a categoría benxamín é exclusivamente autonómica”. A adestradora do Club de patinaxe Omega afirma que “as nenas son demasiado pequenas para o nivel estatal”, pero engade que o vindeiro ano “Martina ascenderá á categoría alevín e, se continúa así de ben, pode chegar algún día a un campionato nacional”.

Aldara, como Martina, comezou este ano a competir na primeira categoría. A súa adestradora, Celtia Pampín, destaca dela “o traballadora que é, este ano fixo un gran avance”. Tanto que do oitavo posto que acadou no Trofeo da Deputación ascendeu ao quinto posto no Trofeo da Xunta de Galicia, posición que mantivo no campionato provincial e que lle valeu a clasificación para participar no campionato galego. O sábado realizou unha moi boa exhibición “quedando tan só a dous postos de clasificarse para o nacional”, contou a súa adestradora. Esta explica que a Aldara “encántanlle as competicións, é o que máis lle gusta”. Para o ano a patinadora subirá de categoría. “Comezará a competir en infantil, que é unha categoría máis complicada porque hai moitas rapazas, pero ela esfórzase e traballa moito”, conclúe Celtia Pampín.