- Tematica
A pasada fin de semana do 18 ao 20 de xullo, o polideportivo Roser Llop de Figueres, da provincia catalá de Girona, acolleu o 33º Campionato de España de patinaxe artística, unha cita na que o club de patinaxe artística Sarela contou coa participación de dúas patinadoras, as irmás María e Inés Peña, e o patinador Jorge Sanmartín. Esta competición contou coa participación de preto de 100 patinadoras e patinadores procedentes de máis de 50 clubs.
A localidade catalá de Figueres, situada na provincia de Girona, acolleu na fin de semana do 18 ao 20 de xullo o 33º Campionato de España de patinaxe artística, que contou coa participación de 91 patinadores e patinadoras procedentes de 51 clubs na modalidade libre e en categoría sénior e júnior. O club de patinaxe artística Sarela, contou coa participación de dúas patinadoras; María Peña, que participou na categoría sénior, e Inés Peña, na categoría júnior, e do patinador Jorge Sanmartín, que tamén competiu na categoría júnior.
Pola súa banda, María Peña acadou o 24º posto en categoría sénior na súa primeira participación nun Campionato de España. A deportista do club amesá saíu á pista tras a exhibición dunha mundialista e admitiu que “é unha situación complicada na que tes moitos nervios pero xa é moi emocionante e impresionante poder compartir o mesmo espazo con patinadoras que van a mundiais ou campionatos europeos e observar o seu gran nivel”. Ademais, a maior das irmás Peña, valorou de xeito moi positivo a súa primeira experiencia nun campionato nacional.
En canto a Inés Peña, acadou o 11º posto na categoría júnior. Pola súa parte, a pequena das irmás Peña xa contaba con experiencia previa nun campionato nacional e os nervios non lle xogaron unha mala pasada, “cando nos clasificamos para esta cita somos conscientes da situación, e por unha parte iso faiche reflexionar de que tes que ir alí a desfrutar, facelo o mellor posible e aproveitar ao máximo a experiencia xa que competir contra patinadoras de nivel europeo ou mundial fai moi complicado que poidas acadar as primeiras posicións”, aclarou. Así mesmo, Inés Peña valorou o resultado como “unha gran experiencia e froito do bo traballo realizado ao longo de todo o ano”.
Ademais, o club de patinaxe artística Sarela, contou coa participación de Jorge Sanmartín, que acadou a 12º posición na categoría júnior. A pesar de valorar a experiencia de forma positiva e como un “logro”, o patinador do club amesán non acabou de todo satisfeito coa súa exhibición, pois nas semanas previas ao campionato tivo unha lesión o que “che fai perder algo de confianza por non poder traballar e adestrar en óptimas condicións”.
Esta cita supuxo o peche final deste curso para ámbolos tres, para iniciar así o paro do verán e recargar pilas para a vindeira temporada que dará comezo en setembro. Un novo ano de cambios para Inés Peña e Jorge Sanmartín, que comezarán os seus estudos universitarios no vindeiro curso académico 2025-2026 e no que, polo de momento, intentarán compatibilizar cos adestramentos de patinaxe.













