[28-04-2018] O xurado do XV Certame Literario Concello de Ames estará conformado pola escritora e profesora de ensino secundario, María López Sández; polo actor, director e guionista, Daniel Vilaverde Framil; e polo profesor e crítico literario, Armando Requeixo. Os tres serán os encargados de xulgar os 166 traballos que se presentaron ao XV Certame Literario, nas modalidades de narrativa e poesía. Nesta edición, alcanzouse a cifra máis elevada de presentación de textos da historia do certame.
María López Sández é escritora e profesora de ensino secundario, exercendo tamén como profesora asociada na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa, é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Como investigadora, o seu labor centrouse na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, así como no estudo da cartografía como semiótica do espazo. A súa produción narrativa está conformada polas obras A forma das nubes e O faro escuro. López Sández é tamén a autora do ensaio Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio.
Daniel Vilaverde Framil é actor, director e guionista. Nado no lugar de Proupín, na parroquia de Ames, é o segundo dos membros do xurado. Entre as súas creacións audiovisuais inclúense as curtametraxes A culpa é dos pais e Bilingüismo Cordial, das que é actor e director. Así mesmo, tamén participou como intérprete nas series Casa Manola e Poetarras, sendo este tamén o nome do grupo musical do que fixo parte. Daniel Vilaverde foi galardoado na edición de 2015 do certame, na modalidade de poesía.
Armando Requeixo é crítico literario, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e docente na Universidade de Santiago. Ensaísta e tradutor, Requeixo é membro da sección de crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Asociación Española de Críticos Literarios e do PEN Clube Galicia. É colaborador habitual en varios medios de comunicación, e desde o 2011 mantén o blogue Criticalia, onde publica críticas das novidades editoriais ao tempo que achega reflexións sobre diversas cuestións vinculadas coa literatura galega.
O xurado será o encargado de valorar os 166 traballos que se presentaron nesta décimo quinta edición do certame – a cifra máis elevada desde a súa creación-. Na modalidade de poesía, presentáronse un total de 86 traballos (9 na primeira categoría, 10 na segunda e 67 na terceira). No tocante á modalidade de narrativa, o Concello de Ames recibiu 80 propostas (16 na primeira categoría, 15 na segunda e 49 na terceira). A decisión do xurado darase a coñecer publicamente o 7 de maio.