- Tematica
Do 21 de xuño ao 6 de xullo, as instalacións municipais de Aldea Nova acolleron a terceira edición do Aberto de tenis San Xoán-Concello de Ames, un torneo de tenis organizado polo club de tenis Val da Maía en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames. O torneo superou as previsións de inscritos, acadando a cifra de 137 tenistas (superando os 101 xogadores do ano pasado) procedentes de diversos puntos da xeografía galega (Foz, Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Ourense, Vilagarcía etc).
O club de tenis Val da Maía, en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames, organizou o III Aberto de San Xoán, que se desenvolveu ao longo de dúas semanas nas pistas de tenis de Aldea Nova. Ademais, esta edición contou coa colaboración como patrocinadores de Auto Mahía Bertamiráns, Aguas de Sousas, Gadis, Milongas Parrilada, Frutas Gelina, Tino Peluqueros e Xuntanza de Empresarios de Ames.
Deste xeito, os/as 137 participantes inscritos/as na competición estiveron divididos en seis categorías diferentes: alevín, infantil, cadete, junior, absoluto e veteranos+35. Todas elas contaron con categoría feminina e masculina, a excepción da cadete e junior. A cita deste ano estivo marcada polas condicións meteorolóxicas, nas que foron protagonistas as altas temperaturas e o vento.
Durante a primeira semana do torneo, disputáronse os partidos das categorías xuvenís, mentres que as categorías absoluta e veteráns, a pesar de que estaba previsto que se iniciaran o 28 de xuño, finalmente, debido ao alto número de inscritos, tiveron que iniciarse dous días, comezando o día 26 de xuño. As finais disputáronse o domingo día 6 de xullo, agás a final absoluta feminina, que foi adiada ata o domingo 13 de xullo, xa que unha das finalistas, Maire Grace Ryan, estaba a disputar o Campionato de España en categoría infantil, celebrado en Platja D’Aro, Girona.
Na categoría feminina absoluta, a gañadora foi Alejandra Vázquez, do Club Grupo Bazán Ferrol, seguida de Maire Grace Ryan, do Real Club Tenis Coruña. Así mesmo, na categoría masculina absoluta, proclamouse campión Marcos Mariño, do club de tenis da USC, mentres que o tenista da Asociación Deportiva Val da Maía, Alejandro Martínez, acadou o segundo posto.
Por outra banda, na categoría alevín feminina, o primeiro posto foi para a tenista do Club W, Eire Martínez, mentres que o subcampionato foi acadado por María Piñeiro, do club de tenis Punta Salera. Na modalidade masculina da categoría, o campionato e o subcampionato foron para o Sporting Club Casino Coruña, o gañador foi Daniel Torres mentres que o segundo posto foi para Diego Becerra.
Dentro da categoría infantil, na modalidade feminina o primeiro posto foi para Iria Barreiro, do Círculo Cultural Mercantil e Industrial Vigo; seguida de Fabiana Sofía Quintáns, do Club Tenis O Rial. Na modalidade masculina o gañador foi Alejandro Parada, do Sporting Club Casino Coruña, mentres que o segundo posto foi para Lucas Casanoca, do Club Tenis Pontevedra.
As categorías junior e cadete só se disputaron en modalidade masculina. En ámbalas dúas categorías, o campión foi o tenista da Escuela Tenis Justo al Revés, Héctor Rodeiro, mentres que o subcampionato na categoría de cadete foi para Alejandro Parada, do Real Club Tenis A Coruña, e na de junior para Alexandre Barreiro, do Club Tenis Tui.
Por último, dentro da categoría veteráns +35, en modalidade feminina, a campioa foi Xema Zeltia Valera, do Club Squash Santiago, mentres que a subcampioa foi a tenista da Asociación Deportiva Val da Maía, Araceli Cristobo. Na categoría veteráns+45, o gañador foi Santiago Rodríguez, do Real Aeroclub de Santiago de Compostela.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Marcos Mariño e Alejandra Vázquez proclámanse campións absolutos da III edición do Aberto de San Xoán"
AMSGO!: "Marcos Mariño e Alejandra Vázquez campións absolutos do Aberto de San Xoán"









