[04-11-2015] O goberno de Ames, a través da concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, fai un chamamento á cidadanía de Ames para que acuda a Madrid o vindeiro 7 de novembro para participar na “Marcha Estatal contra as Violencias Machistas”. As persoas interesadas poderán apuntarse ata completar as prazas que hai libres nos autobuses habilitados pola plataforma. Aqueles que non poidan acudir pero que queiran colaborar igualmente coa iniciativa poden contribuír a través da “fila 0”, cuxa recadación empregarase para pagar os devanditos autobuses. O Concello de Ames aportou a esta “fila 0” o importe correspondente a 10 prazas. Ames foi o primeiro concello en adherirse a esta iniciativa.
Nin un feminicidio máis! Xúntate á marcha convocada polo Movemento Feminista! Este o lema co que a Plataforma Feminista Galega convoca á cidadanía para que acuda á Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, que se desenvolverá en Madrid o vindeiro 7 de novembro. A Plataforma porá a disposición da cidadanía autobuses gratuítos que sairán de diversas localidades galegas. Os autobuses de Santiago sairán ás 24 horas do día 6 de novembro da dársena de Xoán XXIII. As persoas interesadas poden dirixirse para reservar a praza ao seguinte correo electrónico 7nbuscompos@gmail.com. Os autobuses habilitaranse na medida que vaian completándose as prazas.




