Pestanas principais

Manolo Maseda e Saúl Rivas presentan Ao son da nova regueifa, unha viaxe pola tradición oral

Venres, 20 de febreiro de 2026

O regueifeiro e profesor do IES do Milladoiro, Manolo Maseda, xunto con Saúl Rivas, presentan o vindeiro sábado 21 de febreiro na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o seu proxecto Ao son da nova regueifa, un percorrido dende Bergantiños ata Vigo na procura das pontes entre a regueifa tradicional e as súas manifestacións máis contemporáneas no que participa o Concello de Ames. A peza audiovisual viaxa pola xeografía galega entre versos, encontros e reflexións compartidas co obxectivo de mostrar que a regueifa segue viva.

O vindeiro sábado 21 de febreiro, ás 12.00 horas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle a proxección deste traballo realizado por Manolo Maseda e Saúl Rivas durante máis de dous anos de investigación, gravacións e viaxes por toda Galicia na procura dos nexos entre a regueifa tradicional e as súas vertentes contemporáneas. O alcalde de Ames, Blas García, aparece no filme entregando os premios do proxecto Enreguéifate.  

Ao longo dun percorrido que vai de Bergantiños a Vigo, o documental achega as testemuñas de figuras fundamentais da tradición oral como son Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Pinto d’Herbón, Antonio e Suso de Xornes, O Caruncho, Carlos Alonso ou Domingo Blanco, todos eles unidos a personalidades de referencia no eido cultural e social como Sofía Tarela, Sés, Xurxo Souto, Séchu Sende ou o propio Manolo Maseda. 

Esta historia constrúese mediante as historias de regueifeiros e regueifeiras de todo o país que mantiveron e manteñen viva a arte da improvisación oral e que, ademais, pelexaron para a súa transmisión ás xeracións máis novas, asegurando deste xeito o relevo e continuidade no tempo. No documental conviven voces de distintas idades, territorios e traxectorias, mostrando o carácter plural desta tradición. 

No documental tamén hai espazo para a música, cunha banda sonora baseada en vellas melodías da regueifa coñecidas como “torgho vello”, e que están interpretadas por artistas de relevancia no panorama galego como Antía Ameixeiras, Richi Casás, Manu Paino, Olaia Liñares e o propio director do filme, Manolo Maseda. 

Tras a súa estrea no Culturgal o pasado mes de novembro, Ao son da nova regueifa inicia agora unha nova fase centrada na exhibición pública. O filme foi seleccionado como finalista a mellor documental pola Academia Galega do Audiovisual nos Premios Mestre Mateo. Poderá verse o vindeiro sábado 21 de febreiro, ás 12.00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Novas relacionadas

Diario de Santiago: "Manolo Maseda e Saúl Rivas presentan Ao son da nova regueifa, unha viaxe pola tradición oral"

Manolo Maseda e Saúl Rivas presentan Ao son da nova regueifa, unha viaxe pola tradición oral