“Cando as mulleres participan plenamente na vida política, a democracia tórnase máis forte, as comunidades tórnanse máis xustas e o desenvolvemento tórnase máis sustentable”. Así culminaba a Declaración da Praia adoptada polas máis de 130 representantes municipais de África e Galicia que se reuniron no II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas” celebrado en Cabo Verde. A lectura do acordo puxo punto e seguido ao debate sobre o papel da muller no poder local, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV).
O Concello de Ames, a través da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, estivo representado no II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, que reuniu os días 12 e 13 de marzo a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia co fin de fomentar a participación efectiva das mulleres no poder local e impulsar políticas municipais con perspectiva de xénero.
Reforzar a participación das mulleres na gobernanza local, consolidar políticas de igualdade e transversalizar a perspectiva de xénero na acción municipal son algunhas das apostas recollidas no documento, ao que deu lectura, entre outras, María Muíño, secretaria do Fondo Galego e concelleira en San Sadurniño. Previamente, a coordinadora da Área Social da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), Princesa Peixoto, presentou as reflexións finais, animando ás presentes a “loitar polo voso espazo democrático no poder local”. As xornadas pecháronse asemade co compromiso de seguir colaborando nesta liña.
“As Elixidas”. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, constituíuse como un espazo de diálogo, sororidade e aprendizaxe mutua que permitiu analizar desde as barreiras e oportunidades para as mulleres na política local ata as boas prácticas municipais con enfoque de xénero, incluída a elaboración dos orzamentos. O evento, que se celebrou baixo o lema Electas no local, unha voz global, conta co financiamento da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. Neste marco constituíuse ademais a Rede de Mulheres Autarcas Caboverdianas.
O encontro, encadrado no Día Internacional das Mulleres e no ODS 5 da Axenda 2030, contou por tanto con mandatarias de Cabo Verde, Mozambique e de Galicia, concretamente as alcaldesas de Burela, Cangas, Muros, Oímbra, Ponteareas e Salceda de Caselas, xunto con oito concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela e San Sadurniño.
Recepción da embaixadora
As rexedoras e concelleiras, xunto co presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, foron recibidas pola embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, que valorou o labor de cooperación realizado no arquipélago lusófono. Do mesmo xeito, o coordinador da Cooperación Española no país, Fernando Regúlez, ofreceu unha panorámica sobre a situación de Cabo Verde e a posibilidade de seguir traballando conxuntamente. A maior parte da delegación galega xa está de regreso, mentres que outra parte do equipo quedou en Cabo Verde para supervisar os proxectos de agricultura sostible nos municipios de Tarrafal e São Miguel.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 120 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Políticas de Ames que rompen techos de cristal en el africano Encontro de Mulleres Electas"





