Pestanas principais

Mañá, venres 3 de xaneiro, chega a Ames “Cartoóns” de Producións Teatrais Excéntricas

Xoves, 02 de xaneiro de 2020

Mañá, venres 3 de xaneiro ás 18.00 horas, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “Cartoóns” de Producións Teatrais Excéntricas. Destinada a un público infantil de 4 a 12 anos, as entradas poden adquirirse na billeteira electrónica do concello e teñen un prezo de 4 euros a entrada xeral e de 2 euros a reducida. Os actores, Víctor Mosqueira e Josito Porto, botan man de colaboradores como Quico Cadaval, Kukas e Ana Triñanes para levar a cabo esta obra.

“Cartoóns” é unha peza teatral de Producións Teatrais Excéntricas que ten como protagonistas a dous “clowns” (pallasos). Os clowns, que teñen algo de debuxo animado (cartoons) no seu modo paródico e eficaz de comportarse, viven rodeados de cartóns, nun mundo de cartóns, esa materia valiosa como é o cartóns, que nós, inexplicablemente, tiramos ao lixo diariamente.

Desta maneira, o cartón serviralles para construír tubaxes de gas, cortinas nas xanelas, revisteiros, bandexas, edredóns, motos, parasois de praia, avións... en definitiva, todo o que o común da xente vai adquirir a unha coñecida multinacional sueca.

Este espectáculo é un vehículo de valores como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia. A arte poética de converter o refugallo en bens de uso, tamén incide nas tres famosas “R” do ecoloxismo: reducir, reutilizar e reciclar.

Os actores, Víctor Mosqueira e Josito Porto, botan man de colaboradores como Quico Cadaval, Kukas e Ana Triñanes para levar a cabo esta obra, que forma parte da celebración do 15º Aniversario de Excéntricas (2004-2019), e supón o primeiro espectáculo da compañía para público infantil.

As entradas, que xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello, e teñen un prezo de 4 euros a xeral e de 2 euros a reducida. A súa venda electrónica está dispoñible ata dúas horas antes da función. O 10% do aforo do auditorio poderá mercarse na Casa da Cultura do Milladoiro antes do comezo da función.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "“Cartóons” de Producións Teatrais Excéntricas chega hoxe ao Milladoiro"

Cartel Cartoóns

Multimedia

  • Cartoóns
  • Cartoóns