Pestanas principais

Mañá representarase “Baila Roque Baila” de Baobab Teatro na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 26 de decembro de 2019

Este venres, 27 de decembro, ás 18.00 horas, representarase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a obra teatral “Baila Roque Baila”, destinada a un público infantil a partir dun ano. Un espectáculo participativo da man de Baobab Teatro para contar, cantar e bailar. As entradas xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello e teñen un prezo de 4 euros a xeral e de 2 euros a reducida.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, ten programado para este venres un espectáculo de teatro de contos dinámico, divertido e participativo onde os contos e os bailes teñen cabida. En “Baila Roque Baila”, a actriz Andea Bayer estará acompañada de Roque, un simpático personaxe que nos fará rir, bailar e soñar.

Baobab Teatro é unha compañía de teatro que aposta polo teatro infantil de calidade. Composto por Óscar Ferreira e Andrea Bayer, apostan por espectáculos infantís destinados a emocionar, cargados dunha forte poética e sinxeleza. Óscar, conta cunha ampla experiencia como titiriteiro, construtor de monicreques e escenografías. Ten participado en diferentes espectáculos teatrais como: “Que medo, que medo”, “Golulá”, “Babiliglub”… así como programas de televisión como o Luar, Nika, Cousiñas ou Os Bolechas.

Por outra banda a outra integrante da compañía, Andrea Bayer, dirixiu e interpretou espectáculos como “Golulá” (Premio ao mellor espectáculo Infantil na X Feria de Ciudad Rodrigo, Premio ao espectáculo máis innovador na XXIV Mostra de Teatro de Rivadavia, Espectáculo mellor valorado polo público infantil na IX edición da Programación de Domingos do Principal 2008), “Babiliglub” (Participou en Fetén 2008) ou “Rosalía, a pulga que escribía”. No 2012 acadou unha Mención de Honor no III Concurso Internacional “Cuento en corto” organizado pola Red Internacional de Cuentacuentos y la Escuela de Escritores de Madrid.

Para asistir ao seu espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, pódense comprar as entradas na billeteira electrónica do concello. Teñen un prezo de 4 euros a entrada xeral e de 2 euros a reducida. A venda electrónica das entradas estará dispoñible ata dúas horas antes da función. O 10 % do aforo do auditorio poderá mercarse na Casa da Cultura desde unha hora antes do comezo da función. Entrada reducida para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Máximo 4 entradas por persoa. 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a obra “Baila Roque Baila” de Baobab Teatro"

Baila Roque Baila