Pestanas principais

Mañá remata o prazo para inscribirse no Trail ou na andaina Ribeiras do Tambre deste domingo

Mércores, 27 de febreiro de 2019

[27-02-2019] O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre este domingo, 3 de marzo. A proba está encadrada na especialidade atlética do Trail-Running e pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, polo que estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación. Para participar nalgunha destas actividades, é necesario inscribirse na páxina www.carreirasgalegas.com antes de mañá ás 23.59h. Polo de agora, xa hai inscritas un total de 158 persoas.

Este domingo, máis de 150 persoas daranse cita en Ponte Maceira para participar no trail ou na andaina organizadas polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo. O trail comezará ás 10.00h, e constará dun percorrido duns 16 quilómetros, cun desnivel positivo duns 405 metros e un desnivel acumulado de 635 metros. Pola súa banda, os e as participantes da andaina sairán ás 10.05h, e percorrerán arredor de 15 quilómetros, cun desnivel positivo duns 340 metros e un desnivel acumulado de 535 metros. O punto de meta de ambas probas estará instalado no Real Aeroblub de Santiago, situado na Ameixenda.

Para participar é necesario inscribirse antes das 23.59 horas do xoves 28 de febreiro a través da seguinte ligazón. O custo da inscrición na andaina é de 7 euros, mentres que para participar no trail o prezo son 11 euros. Pode obter máis información no regulamento deste evento deportivo, ao que pode acceder premendo no enlace dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova.

A recollida de dorsais realizarase a partir das 8.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub na Ameixenda e, a continuación, os participantes serán trasladados ata Ponte Maceira, o punto de saída das probas. Así, habilitarase autobuses a partir das 8.30h para trasladar aos inscritos en ambas probas ata o punto de saída.

Entrega de premios e categorías
A entrega de premios realizarase a partir das 12.30h nas instalacións do Real Aeroclub. Recibirán premios os tres primeiros clasificados de cada categoría, os catro primeiros clubes da clasificación do trail, e os tres primeiros equipos, tanto federados como populares. Todos os participantes do trail e a andaina recibirán un agasallo técnico pola súa participación, que poderán recoller xunto ao dorsal antes do comezo das probas.

Na andaina non se establecerán categorías de participación, e poderán intervir menores de idade de ate 10 anos, sempre que vaian acompañados/as por un adulto. No tocante ao trail, estableceranse un total de cinco categorías: senior masculina e feminina, na que se encadrarán os participantes de 18 anos ate master; master 1 masculina/feminina, nados entre 1979 e 1984; master 2 masculina e feminina, nados de 1970 a 1978; master 3 masculina e feminina, nados no 1969 ao antes; e absoluta masculina e femininas, que englobará a calquera das categorías anteriores.

Esta actividades está organizada polo Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo. Ademais, o evento conta coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago, Gonzacar, Pazo de Anzuxao, Tropic e Frutas Compostela.