Pestanas principais

Mañá comeza a sétima Feira do Comercio Val da Maía

Venres, 15 de abril de 2011

[15-04-2011] Roupa, deportes, electrodomésticos, gafas, calzado e artigos para os bebés entre outros produtos. Vinte e cinco comercios porán produtos de todo tipo aos prezos máis baixos nesta sétima edición da Feira do Comercio Val da Maía. A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns xunto ao Concello de Ames son os encargados de desenvolver este evento no pavillón polideportivo de Bertamiráns. A inauguración será mañá, sábado 16 de abril ás 11:00 horas, e a apertura ao público producirase trala inauguración. A feira de oportunidades poderase visitar os días 16 e 17 de abril, en horario ininterrompido de 11:00 h. a 21:00 horas. No evento haberá servizo de gardaría, unha carpa polbaría para comer, inchables e unha cafetaría. Ademais, un tren turístico percorrerá as principais rúas de Bertamiráns para trasladar a todas aquelas persoas que desexen achegarse ao pavillón. A entrada, como en anos anteriores, será de balde.

Sete anos na axenda de todos e todas as amienses, fai que esta feira de oportunidades se consolide como un evento de referencia para Ames e toda a comarca compostelá. As Concellarías de Obras e Servizos Básicos, Deportes, Promoción Económica e Calidade na Administración, xunto o departamento de Urbanismo, traballan de xeito conxunto achegando os recursos e servizos necesarios para que durante esta fin de semana, en horario de 11:00 h. a 21:00 horas, as persoas que pasen polo pavillón polideportivo de Bertamiráns atopen todo en perfecto estado.

Os comercios que van achegar os produtos a prezos rebaixados serán Angueira electrónica, Champion, Lolita Moda, Promociones Sant-Yago, Óptica Zaera, Miranda, Xplosion, Carmela Rendo, Outlet Charm, Tris-Tras, Andoriña, Duende Azul, Coket@s, Don Larpeiro, Xogamos, Fraber, Marlo, Spiral, Strass, Alejandra Pita, Milano, Haldeta, Obama, Queens e Hermo. Estes comercios ofrecerán unha amplía variedade de produtos como roupa, complementos, calzado, enxoval do fogar, electrónica, gafas, xoguetes, artigos para bebés, etc. As instalacións disporán dunha gran amplitude e comodidade xa que serán 400 metros cadrados dedicados á colocación das casas de comercio. O Concello de Ames contará, como é habitual, cun stand de 50 metros cadrados, disposto na entrada principal.

O Concello de Ames colabora activamente na organización deste evento tanto mediante unha importante achega económica como poñendo a disposición da ACB as instalacións onde se desenvolve este evento, diferentes recursos humanos e servizos. No Pleno extraordinario celebrado hoxe aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) para a celebración da VII Feira de Comercio Val da Maía.

A colaboración do Concello de Ames, con este convenio, tradúcese nunha concesión económica de 15.000 euros, equivalente ao 65,9% do gasto estimado declarado pola asociación xunto co apoio de recursos humanos e de infraestruturas. Así a concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico cédelle gratuitamente o pavillón municipal de Bertamiráns dende o 14 ata 18 de setembro para que os e as comerciantes dispoñan de tempo suficiente para montar e desmontar os seus postos. A Concellaría de Obras e Servizos Básicos pon a disposición do evento persoal que se encarga da limpeza, da colocación de colectores de lixo, da instalación de puntos de luz e de auga entre outras accións necesarias para o desenvolvemento da VII Feira do Comercio Val da Maía.

A Concellaría de Promoción Económica, Turismo, Emprego e Medio Ambiente encargase de colaborar na organización, coordinar as tarefas e participar no desenvolvemento do evento. Ademais pon en marcha, por cuarto ano consecutivo, o servizo de tren turístico e a animación na rúa. Para garantir a seguridade de todos e todas as asistentes, a Policía local establecerá un dispositivo especial co fin de regular os fluxos circulatorios derivados da actividade.

Ames Radio emitirá dende a propia feira unha edición especial do seu magazine, Somos Ames. Esta retransmisión terá lugar o sábado pola mañá trala inauguración do evento. A emisora municipal tamén colaborou na gravación de diversas cuñas publicitarias. O departamento de informática encargouse de xestionar a colocación dunha liña RDSI para que a radio municipal puidese realizar o devandito programa. Ademais, este ano como novidade, dotaron ao pavillón polideportivo dunha rede wifi para que todos os comerciantes poidan conectarse á rede.

Tren turístico

O tren turístico percorrerá as principais rúas de Bertamiráns para fomentar a afluencia e facilitar o acceso ao pavillón. Ademais, con esta medida tamén se persegue que se mobilicen o menor número posible de vehículos privados para evitar que se produzan atascos. Este servizo estará operativo o sábado e o domingo, en horario de 11:30h. a 13:30 horas e de 16:30 h. a 20:30 horas, de xeito que os e as amienses poderán gozar da vila de Bertamiráns e animación na rúa (só na xornada do sábado) para despois subir ata o pavillón polideportivo. Establecéronse paradas nas rúas do Pedregal, Poeta da Maía, do Comaro e nas avenidas da Maía e da Peregrina. A maiores, ao longo da xornada do sábado, Bertamiráns contará con animación na rúa para arrancar un sorriso a amienses e visitantes animando a todos e todas a achegarse ao recinto da Feira do Comercio.

Outros servizos

Dentro do pavillón, os e as asistentes poderán descansar entre compra e compra na cafetaría, ademais de beneficiarse do servizo de gardería. Os pequenos e pequenas de entre 2 e 12 anos tamén gozarán dun espazo de inchables e, no recinto exterior, haberá un parque lúdico de 200 metros cadrados para os rapaces máis maiores. Ademais, todos os visitantes que queiran quedarse a comer poderán facelo nunha carpa polbaría situada ao carón da entrada principal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Los saldos llegan al pabellón de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Los saldos llegan al pabellón de Bertamiráns"