Pestanas principais

Mañá abre o prazo de inscrición para unha nova edición da Gladiator Race Kids

Luns, 27 de xullo de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para o venres, 7 de agosto, unha nova edición da Gladiator Race Kids, logo do éxito de participación das carreiras anteriores. Esta actividade desenvolverase en Bertamiráns a partir das 18.30 horas. Esta actividade está pensada para nenos e nenas de 3 a 12 anos e os menores poderán ir acompañados dun adulto. A inscrición, é gratuíta e inclúe a participación no evento, seguro e unha medalla por finalizar, poderá facerse na seguinte ligazón. O prazo de inscrición estará aberto dende mañá, 28 de xullo.

Unha Gladiator Race é unha carreira diferente, onde os/as participantes teñen que superar diferentes obstáculos, e ao mesmo tempo se divirten e practican deporte. A Gladiator Kids que organiza o Concello Ames está pensada para que os máis pequenos da casa poidan gozar dun día en familia facendo deporte. É unha carreira para nenos/as sen carácter competitivo organizada pola empresa NOKAO, que se realizará Bertamiráns. O percorrido estará marcado e sinalizado. 

Dita proba vaise realizar o venres, 7 de agosto de 2026, a partir das 18.30 horas. Na proba poderá participar calquera neno/a que o día da celebración da proba teña cumprida a idade comprendida de 3 a 12 anos e que acepte o regulamento da proba no momento de formalizar a inscrición. O límite de prazas é de 250. Debido a isto é necesario inscribirse a través desta ligazón.

Dependendo da idade do/a participante terá que realizar un percorrido diferente:
-Franxa de nenos/as de 3 a 5 anos: percorrido de 500 metros aproximadamente.
-Franxa de rapaces e rapazas 6 a 12 anos: percorrido de 900 metros aproximadamente.

Horarios e saídas da carreira
A proba empezará ás 18.30 horas mediante o sistema de quendas. Cada cinco minutos sairá unha quenda composta por un máximo de 15 nenos/as. Dous días antes do evento enviarase a cada participante o horario e quenda na que participará. Ao ser unha proba de carácter lúdico e benéfico e non competitiva, non se realizará ningún tipo de cronometraxe por chip ou similar e entregarase un obsequio a cada participante ao finalizar a proba.

A Gladiator Kids é unha carreira exclusiva para menores, pero estes poderán ir acompañados dun adulto ao longo do percorrido. Os adultos non poderán superar os obstáculos senón só acompañar e axudar ao menor. Deberán situarse detrás ou á beira do mesmo e será imprescindible o respecto e fair play quedando prohibidas accións como gritar, insultar, empuxar ou arrastrar a calquera participante.

Mañá abre o prazo de inscrición para unha nova edición da Gladiator Race Kids

Multimedia

  • Mañá abre o prazo de inscrición para unha nova edición da Gladiator Race Kids