Pestanas principais

Máis dunha trintena de figurantes participan esta fin de semana no primeiro Belén vivente de Bertamiráns

Xoves, 18 de decembro de 2014

[18-12-2014] O Concello de Ames colabora coa Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) na organización do primeiro Belén vivente do municipio que estará instalado na Praza do Concello. Nel participarán máis dunha trintena de figurantes, ademais de artesáns como carpinteiros, cesteiros, oleiros, ferreiros… Poderá visitarse dende mañá venres ata a domingo pola tarde, coa visita dos Reis Magos -ás 18:30 horas- que recibirán as cartas dos máis pequenos.

A finalidade desta iniciativa é, segundo a presidenta da ACB, María Cristina Estévez, “impulsar o comercio local, ofrecer actividades novas e atraer visitantes á vila para evitar que acaben mercando nas grandes superficies comerciais”. Para Estévez “o importante non é só recuperar as tradicións senón tamén fomentar a participación entre veciños e turistas”. Un dos construtores do nacemento é Tino Santiago, quen durante moitos anos impulsou o Belén na parroquia de Bugallido. Este ano trasladou a idea á Praza de Bertamiráns, onde recreou tres ambientes distintos: o río e a fervenza, o pazo de Herodes e o pesebre.  

Concerto de Corais e Gala de Patinaxe Artística 
O venres, ás 21:00 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o Concerto de Corais de Nadal. Preto dun cento de voces interpretarán panxoliñas e pezas do folclore tradicional latinoamericano. Actuarán as agrupacións locais do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, os coros parroquiais de Piñeiro e Ames, o coro Nososon e as corais Lojo Batalla de Tapia e Antonio Santomil de Bugallido.  

O sábado, entre as 17:00 e as 19:00 horas, o Club de Patinaxe Sarela organiza a Gala de Nadal, que terá lugar no pavillón de Bertamiráns. Un total de 52 nenos e nenas de catro a dezaseis anos realizarán exhibicións grupais e individuais. Ademais haberá un sorteo dunha cesta de Nadal e vales de agasallos en comercios de Bertamiráns. A entrada será gratuíta.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Más de sesenta vecinos de Ames recrean un belén"