[22-05-2017] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado sábado, 20 de maio, a primeira xornada formativa sobre o trastorno do espectro autista (TEA), na que se abordaron os recursos para a inclusión socioeducativa das persoas que padecen esta doenza. Na inauguración desta xornada estiveron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o impulsor desta iniciativa, Marcos Pinaque, así como representantes das entidades colaboradoras. A finalidade desta xornada foi promover a sensibilización e formación dos traballadores das institucións culturais para que poidan facilitar a inclusión social das persoas con TEA nas bibliotecas, nos museos, nos centros educativos e na universidade.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou “o carácter multidisciplinar desta xornada na que participaron profesionais dos ámbitos da psicoloxía e educativo, así como moitas familias interesadas polo trastorno do espectro autista. Foi unha actividade que espertou un gran debate arredor deste tema, polo que resultou moi produtiva para todas as persoas participantes. Estou moi satisfeito de que Ames puidera acoller esta primeira xornada e propuxemos, que de cara ao vindeiro ano, se realice o segundo encontro para poder afondar nas cuestións tratadas durante a primeira xornada”.
Os obxectivos desta xornada foron informar sobre o grao de coñecemento que os traballadores das institucións culturais teñen sobre o TEA; promover a sensibilización e formación de ditos traballadores para a inclusión social das persoas con TEA; crear un espazo de intercambio de información sobre boas experiencias e recursos para a inclusión das persoas con TEA nas bibliotecas, os museos, os centros educativos e a universidade entre diferentes profesionais; e favorecer un encontro entre diferentes institucións (bibliotecas, centro educativos, universidades e museos), procurando, en conxunto, formular propostas de inclusión, equidade e igualdade.
Nesta xornada, que organizou a Concellaría de Educación e Cultura, colaboraron a Deputación da Coruña, as Universidades de Santiago e A Coruña, o Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia, Nova escola Galega, Autismo Galicia, Grupo de Investigación Stellae, Arcea Adames e a Rede de investigación en educación e formación para a cidadanía e a sociedade do coñecemento.
Programa da xornada
A xornada comezou ás 9:45h coa inauguración da xornada a cargo de Goretti Sanmartin, vicepresidenta da Deputación da Coruña, David Santomil, concelleiro de Educación do Concello de Ames, Marcos Pinaque, investigador predoutoral da USC, Xesús Rodríguez, profesor da USC, e Montse Castro, profesora da UDC. Ás 10:15h Marcos Pinaque Varela impartiu a conferencia inaugural, que se titulou Estado da cuestión sobre o TEA nas institucións socioeducativas dos concellos da Deputación da Coruña.
Posteriormente, de 11:15 a 11:45 horas fíxose unha pausa para tomar un café. De 11:45 a 12:45 horas, Cristina Couto Pena, psicóloga da Federación Autismo Galicia, ofreceu a charla O Trastorno do Espectro Autista. A queda de mañá rematou coa proxección do documental Paxaros de Algodón, de Xosé Manuel Felpeto e Roberto Rego.
A quenda de tarde comezou ás 16:30h coa Mesa de experiencias e propostas de inclusión socioeducativa, na que participaron Clara Rodríguez, educadora de museos, María Carmen Arceo Tourís, monitora de apoio no CEIP de Barouta, Estefanía Estévez Cacheiro, educadora social e integrante do grupo de traballo “CEESG en Diversidade”. Como moderadora exerceu Mariela Resches, profesora da USC.
Ás 18:00h deu comezo outra Mesa de experiencias e propostas de inclusión socioeducativa, na que participaron Carolina Becerra Cerqueiras, nai de dous mellizos con TEA, Daniel Blanco Carpente, orientador do CEIP de Roxos e Raíña Fabiola, Yesshenia Vilas Merelas, profesora e investigadora da USC e asesora de centros educativos na temática das NEE. A moderadora foi Montse Castro, profesora UDC. A xornada pechouse ás 19:15h co acto de clausura.
Colocación de pictogramas
Por outra banda, cómpre lembrar que a semana pasada o persoal da Federación Autismo Galicia, en colaboración co Concello de Ames, estivo colocando uns 521 pictogramas en varios edificios e dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Con esta iniciativa búscase axudar a superar as barreiras cognitivas que afrontan persoas con dificultades cognitivas, como aquelas diagnosticadas cun Trastorno de Espectro de Autismo (TEA), ou, por exemplo, estranxeiras que non lean con fluidez os idiomas galego ou castelán. Anteriormente, en outubro de 2016 colocáronse 70 pictogramas no centro de saúde do Milladoiro.




