Pestanas principais

Máis dun cento de persoas asistirán mañá á IV cea solidaria do programa Vacacións en Paz na que colabora o Concello de Ames

Venres, 13 de marzo de 2015

[13-03-2015] O Concello de Ames colabora na cuarta edición da cea solidaria do programa Vacacións en Paz, que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A xuntanza terá lugar mañá sábado, ás 21:30 horas, no restaurante Paz Nogueira de Santiago. Está confirmada a presenza de máis dun cento de persoas, entre os que se atopan o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Xuventude, Ana Ruso.

Os fondos recadados a través desta iniciativa destinaranse integramente a financiar os billetes de avión dos nenos e nenas saharauís que serán acollidos en Galicia este verán. O ano pasado foron un total de 15 os rapaces acollidos por familias de Ames, Brión e Santiago. O colectivo pretende aumentar a cifra este ano.  

Para asistir á cea aínda se pode contactar con Esther Ybarra, portavoz na zona da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45. Preto dunha vintena de empresas colaboran nesta xornada cedendo diferentes produtos que se sortearán entre os posuidores das rifas que se venderán na cea.  

Programa solidario  
Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

A colaboración e a achega económica que realizan os concellos é moi importante, pero ademais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pretende recadar a maior cantidade de diñeiro posible nesta cea co obxectivo de que sexan moitos os nenos e nenas que poidan vir a Galicia durante este verán e pasar unhas vacacións en paz.